Buscar neste blog

xoves, 30 de marzo de 2017

Empate sen goles do equipo infantil do Armenteira C.F. en Monte Redondo

O equipo infantil conseguiu un valioso empate sen goles no partido disputado na tarde deste xoves no campo de Monte Redondo, en Corón, ante a S.D. Chispa. O partido, correspondente á xornada 25, a disputar a próxima fin de semana, e adiantado a petición do clube local, medía a dous rivais directos na zona media-alta da táboa clasificatoria do grupo 9 da Segunda autonómica infantil. A importante ausencia de Santi na zona defensiva, foi cuberta polo adestrador verdinegro, Valentín Estévez Tilín” coa convocatoria do xogador do equipo de categoría alevín Adri, que formou no once inicial. No medio dunhas meteorolóxicas adversas, baixo unhas trombas de auga que fixeron perigar a celebración do encontro, S.D. Chispa e Armenteira C.F. xogaron un partido igualado, discreto, no que, a pesares da sucesión de alternativas nunha e noutra área, o equilibrio e a falta de acerto foron a nota predominante. O cadro visitante puido levarse os tres puntos en dúas claras ocasións das que disfrutou na segunda metade, pero a inspiración non acompañou ás accións ofensivas do conxunto de O Leixo. Tampouco estivo inspirada a formación local, na que os bos conceptos e os argumentos futbolísticos que soen caracterizar a este equipo, composto fundamentalmente por nenas, e sobriamente dirixido pola adestradora de Barrantes Cristina Escudeiro, non deron froito nesta chuviosa tarde en Corón. Con este empate o Armenteira C.F. mantense na novena posición, con trinta e seis puntos, a tres da S.D. Chispa, aínda que cun partido disputado menos. A próxima xornada, os rapaces e rapazas que comanda Tilín” deberán recibir no campo de O Leixo ao Atlético Cuntis, un conxunto situado a once puntos da escadra verde e negra.



Ningún comentario:

Publicar un comentario