Buscar neste blog

luns, 13 de marzo de 2017

O C.D. Unión fulmina as esperanzas do equipo feminino do Armenteira C.F.

O C.D. Unión venceu por cero goles a oito ao equipo feminino do Armenteira C.F. nun partido que medía ao décimo primeiro clasificado, o equipo rianxeiro, e ao décimo segundo, o cadro que dirixe Marcial Prado. Tan só tres puntos separaban a ámbolos dous conxuntos, polo que de lograr vencer as de A Armenteira estaría en disposición de subir algún chanzo na clasificación. Pero por desgracia para as xogadoras verdinegras e para a súa incondicional afección non foi así. O cadro técnico que encabeza Marcial Prado presentou un once inicial con Uxía de gardamallas, Laura, Alessandra, Diana e Fátima en defensa, Ana Martínez, Naomi e Ana Abal no mediocampo, Ángeles e Paula polos costados, e Mar en ataque. As ilusións locais axiña se virían abaixo cando Laura Gómez se aproveitou dunha serie de fallos e imprecisións defensivas para levar o coiro ao fondo das redes defendidas por Uxía. Puideron aumentar a vantaxe as rianxeiras tras unha pena máxima sinalada polo colexiado Pérez Malvido por mans de Alessandra, unha decisión moi protestada polos afeccionados do Armenteira C.F. ao considerar que se trataba dunha acción involutaria e que ademais tivera lugar fóra da área. O erro da lanzadora puxo xustiza ao erro arbitral, pero non tardaría moito Laura Gómez en anotar un novo tanto para o seu equipo, que se iría ao descanso con cómodo resultado de cero a tres. Á volta do tempo de lecer outra vez Laura Gómez daba por finalizadas as esperanzas de remontada do Armenteira C.F. con dous novos tantos que, xunto cos anotados por María Cerneira e Maite Novo completaban a goleada coa que o conxunto de O Barbanza se levou os tres puntos de O Leixo. As locais dispuxeron dalgunha oportunidade, as máis claras estiveron nos pés de Paula e de Mar, pero a fortuna este domingo non estivo do lado das futbolistas das terras cistercienses. O próximo domingo estas xogadoras volverán probar sorte na difícil cita que terán ás 12:15 horas no campo de Vista Alegre ante a E.F.M. Concello de Boiro, o cadro que ocupa o liderato do grupo con cincuenta e dous puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario