O equipo benxamín do Armenteira C.F. despediu este sábado o campionato de liga da Seguna Fase Benxamín, no seu grupo 64A, danto unha imaxe máis que aceptable ante o Céltiga F.C. Nunha mañá fresca en O Leixo os rapaces e rapazas que adestran Luis e Alba Barral fixeron fronte a un dos conxuntos máis potentes do grupo, que ademais forma parte dunha das canteiras máis numerosas e prolíficas da comarca, como é a do clube de A Arousa. O equilibrio e as alternativas nunha e outra área foron a nota dominante dende o inicio do encontro e non sería ata o minuto 21 cando Max Rial conseguía resolver unha xogada na área e bater a Sara Otero. Na segunda metade mantívose a igualdade, pero a falta de claridade nas xogadas de ataque do cadro verdinegro e a maior pegada dos visitantes, permitiría ao Céltiga F.C. acadar dous novos goles por mediación de Eric García e Jorge Willisch. A réplica do Armenteira C.F. veu unha vez máis a través dun Brais Charlín menos inspirado que noutras ocasións que, tras internarse na zona esquerda da área rival, colocou o balón no fondo das mallas, lonxe do alcance do meta Borja Dacosta. Este resultado final de un gol a tres deixa ao conxunto de O Leixo na oitava posición, mentres que os de A Illa de Arousa rematan finalmente da segunda posición, con trinta e un puntos. Agora será tempo de Copa Deputación e de torneos para todos estes equipos de categoría benxamín. Para o Armenteira C.F, será a oportunidade de continuar coa progresión que foron experimentando ao longo dunha temporada na que os avances foron máis que evidentes, na que lograron puntuar en cada unha das dúas fases, e na de seguro que acadarán algún logro máis antes do 30 de xuño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario