O equipo infantil do Armenteira C.F. disputa este domingo a partires das 10 horas no campo de A Rapeira, en Portas, o terceiro partido da competición de liga da Segunda Autonómica Infantil, grupo 9. Os rapaces e rapazas que dirixe Valentín Estévez "Tilín", que tan boas sensacións están mostrando neste inicio de temporada, buscan conseguir unha vitoria que se lles está resistindo, pero que, a tenor do bo fútbol que están despregando nestes primeiros encontros, se antolla máis ca merecida. En fronte terán a unha C.D. Portas que conta cun tres puntos, un máis cá formación de O Leixo, e que vén de vencer por cero goles a dous ao Catoira S.D. na pasada xornada. A principal dúbida de "Tilín" céntrase no estado físico de Xoán, que volve á convocatoria despois dunha lesión, pero que volveu sufrir un golpe no adestramento do venres que pode impedir que estea en plenitude de condicións. A C.D. Portas e o Armenteira C.F. viviron un duelo particular a pasada temporada na parte máis baixa da Segunda Autonómica Infantil, pero parece que para esta campaña as súas aspiracións son de maior calado, feito que tratarán de demostrar este domingo sobre o céspede de A Rapeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario