O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou este sábado un empate a dous goles no partido que o medía ante o Umia C.F. no campo de O Leixo. O encontro estivo marcado polo triste falecemento do avó do adestrador do cadro local, Valentín Estévez "Tilín", que por este motivo tivo que ausentarse da cita e polo cal se gardou un sentido minuto de silenzo. Jonathan Crespo, adestrador a pasada temporada da formación alevín do Armenteira C.F. fíxose cargo de forma accidental dun grupo de xogadores e xogadoras que coñece á perfección, xa que os adestrou con éxito durante as últimas campañas. O papel de favoritos co que partían os de Barrantes parecía mostrarse dende o inicio, cando Lucas García recollía un balón na área verdinegra e o colocaba cunha perfecta volea no fondo das mallas defendidas por Sergio. A partires de entón o dominio do esférico e as oportunidades pasaron a mans dos de O Leixo. Froito deste dominio foi o gol de Andrés Liu, ao recoller un rexeitamento nun lateral da área visitante. As aproximacións á área contraria e as ocasións das que dispuxeron os atacantes do Armenteira C.F. tiveron o seu premio no gol de Álex Ruel, ao culminar unha bonita xogada individual na que se desfixo de varios xogadores rivais. Con todo, a fortuna non estaría de lado dos verdinegros e, no minuto final, un disparo dende a frontal de David Rodríguez poñía no marcador a igualada final. A próxima fin de semana os nenos e nenas que dirixe Valentín Estévez deberán desprazarse ata o campo de A Rapeira para medirse á C.D. Portas na procura da primeira vitoria da temporada despois de sumar dous empates nos dous partidos disputados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario