Buscar neste blog

sábado, 8 de outubro de 2016

A Senra acolle o debut ligueiro do equipo alevín do Armenteira C.F.

O agardado debut en liga do equipo alevín do Armenteira C.F. por fin terá lugar este domingo. Será no campo de A Senra ante o equipo local do C.D. Ribadumia a partires das 10 horas. O conxunto que adestran Luis e Alba Barral parte cunhas expectativas elevadas esta temporada, debido a que conserva algunha das pezas máis importantes do equipo desta mesma categoría que tan bos resultados obtivo a pasada temporada ás ordes de Jonathan Crespo. A elo súmase a incorporación de varios futbolistas procedentes do cadro de categoría benxamín da pasada campaña que axudarán a manter o nivel competitivo da escadra. O rival deste primeira xornada tamén parte entre os favoritos para finalizar nos postos altos da táboa. O C.D. Ribadumia está experimentando un notable crecemento nos últimos anos, cun equipo sénior consolidado na Terceira División e cuns equipos de fútbol base en continuo aumento, o que converte á entidade de A Senra nun dos principais referentes futbolísticos a nivel comarcal. Polo tanto, o duelo preséntase moi atractivo, cun ingrediente máis, a volta de Luis Barral á que foi a súa casa deportiva na última temporada. O adestrador de Barrantes que tanto como xogador como de adestrador defendeu a camisola aurinegra en varias etapas uniuse este verán ao proxecto dun Armenteira C.F. que reclama tamén o seu sitio dentro do panorama do balompé da comarca. A baixa de Álex Grigorio e os problemas físicos de Íñigo, en proceso de recuperación dunha lesión, son as principais preocupacións de Luis Barral de cara a este importante encontro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario