Buscar neste blog

domingo, 9 de outubro de 2016

O C.D. Ribadumia pon de manifesto a súa superioridade ante o equipo alevín do Armenteira C.F.

O C.D. Ribadumia puxo de manifesto o seu potencial no partido que na mañá deste domingo disputou ante o equipo alevín do Armenteira C.F. O cadro aurinegro, que esta temporada incorporou a varios xogadores procedentes da E.D. Arousa, ao igual que o adestrador, figura entre os máis claros favoritos a ocupar o posto da clasificación do grupo. Dende o primeiro momento os locais tomaron o control do balón, que o movían con fluidez ante un Armenteira C.F. que se mantiña agazapado no seu campo e trataba de armar algún contragolpe buscando sobre todo a banda dereita na que a velocidade e o desborde de Manu Meixús eran o principal argumento dos visitantes. Unha xogada individual deste último e un disparo ao longueiro de Íñigo foron as únicas aproximacións da escadra verdinegra nunha primeira metade na que se viu desarbolada e se foi ao descanso cunha desvantaxe de catro goles a cero. Na segunda metade Luis Barral buscou a reacción dos seus xogadores e cambiou a Junior da portería ao interior esquerdo. Dende esa posición o xogador de San Salvador consegui levar algo máis de perigo á área do C.D. Ribadumia. Nunha desas aproximacións cruzou con acerto o balón ante a saída do meta Damián. Xa co partido a piques de finalizar Adri, executando de forma perfecta un lanzamento directo dende o mediocampo, lograría o segundo e definitivo gol do equipo verdinegro en A Senra. A vitoria final por nove goles a dous sitúa ao C.D. Ribadumia no liderato, mentres que o Armenteira C.F., que pecha momentaneamente a clasificación, agarda conseguir o primeiro triunfo no partido que a próxima fin de semana o medirá en O Leixo á E.F. Sport 2017, un proxecto deportivo e formativo impulsado polo ex-xogador e adestrador José Luis Uhía "Piscis" e que trata de facerse un oco dentro do concorrido panorama do fútbol base da comarca de O Salnés


Ningún comentario:

Publicar un comentario