O empate a dous co que finalizou o partido que na tarde deste sábado disputaron en O Leixo o Armenteira Veteranos e o Sisán Veteranos deixa un sabor amargo para os locais. No medio dunha copiosa chuvia e nun terreo de xogo enlameado, nunhas condicións que dificilmente permitían a práctica do fútbol, o cadro verdinegro presentouse no coliseo de O Busto con Joserra na portería, cunha defensa formada por Moncho, Portas, Marcos e Richi, cun mediocampo con Martín e Jorge Castro levando o timón e con Rafa e Joseíño polos costados, e cunha punta de ataque con Galiñanes e Manueliño. A igualdade foi a tónica dominante nos primeiros intres de encontro. A dificultade coa que rodaba o balón e a superficie esvaradiza da superficie de terra de O Leixo impedían que ámbolos dous conxuntos despregasen a súa capacidade de xerar fútbol. Ao descanso chegouse co resultado inicial de cero a cero, pero na segunda metade Jorge Castro dispúxose a marcar diferenzas. Primeiro culminando na área unha xogada colectiva e logo a través dun lanzamento de falta o dianteiro de Vilar parecía encarrilar o partido para o Armenteira Veteranos. Pero un penalti cometido polo meta Joserra, que non puido evitar deslizarse sobre a lama e derrubar a un dianteiro visitante, e que transformou Javier Montenegro e, cando xa os xogadores verdinegros parecían saborear unha nova vitoria, no minuto 89, o Sisán Veteranos conseguiu arrincar un punto in extremis. Foi tras un lanzamento de falta, que os locais protestaron por ser executado varios metros máis adiante de onde foi cometida a infracción, e que colgaron ao segundo pau sen que os defensores do Armenteira Veteranos puidesen interceptar o balón que, tras varios remates, acabou no fondo das mallas de Joserra ante a desesperación dos xogadores e da escasa afección que acudiu a animar ao equipo verdinegro. Este empate deixa ao conxunto de O Leixo na sétima posicion con dez puntos, unha posición que porá en xogo o próximo sábado no partido que vai disputar o próximo sábado no campo Municipal de Zacande ante o Cafetería Impacto Mosteiro, no que será un atractivo derbi entre os dúas únicas escadras que representan ao concello de Meis nas categorías de fútbol veterano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario