Os técnicos dos equipos infantil e alevín do Armenteira C.F. valoraron positivamente os resultados acadados nos encontros que disputaron na mañá deste domingo ante o Vilalonga F.C. e E.F. Sport 2017 S.D. respectivamente.
O adestrador do equipo infantil, Valentín Estévez "Tilín" mostrouse relativamente satisfeito co que supón o terceiro empate da temporada. Pero laiouse da oportunidade perdida para acadar o primeiro triunfo. A vantaxe da que dispuxo o seu conxunto de dous goles a cero primeiro e de catro a dous despois non puido ser aproveitada para conseguir facerse cos tres puntos. Os últimos minutos dos partidos están sendo determinantes para esta formación verdinegra, que está vendo como nestes primeiros partidos se lle están escapando os puntos nos intres finais. O técnico cambadés quixo resaltar a capacidade ofensiva que están exhibindo os seus xogadores. Piñeiro por partida dobre, Álex Ruel, que neste partido actuou de dianteiro e Jose Otero foron os autores dos tantos. O aprazamento do partido da próxima fin de semana ante a S.D. Pontearnelas permitirá aos de "Tilín" repoñer forzas de cara a unha temporada que se agarda moi competida e intensa.
Pola súa contra, máis satisfeito co resultado se mostrou o técnico do equipo alevín. Luis Barral salientou o traballo dos seus xogadores e xogadoras, que se resarciron da abultada derrota sufrida no primeiro partido de liga ante o C.D. Ribadumia e lograron vencer con claridade á E.F. Sport 2017. As precipitacións e as imprecisións da primeira metade fixeron que se chegase ao descanso co resultado de unicamente un gol a cero para a escadra verdinegra, cun tanto na último suspiro deste período de Manu Meixús. Na segunda metade os futbolistas locais conseguiron romper o entramado defensivo do conxunto de Noalla e pouco a pouco foron marcando distancias no marcador. O encontro remataría cun cinco a cero para os de A Armenteira, con tantos de Jose Otero, Sara Rey, Íñigo e Adri, que se unían ao logrado por Manu Meixús nos primeiros vintecinco minutos. Na próxima xornada a formación que adestran Luis e Alba Barral deberá afrontar un difícil compromiso. Será no campo de As Lampáns ante a S.D. Amanecer, que se sitúa na quinta posición con catro puntos, e que vén de acadar un empate no difícil campo da Área Recreativa de A Toxa ante o Meaño F.C. un dos grandes favoritos para lograr o campionato do grupo. Na pretemporada o cadro da Península de O Grove xa venceu aos de O Leixo por catro goles a dous nun partido amigable.
Ningún comentario:
Publicar un comentario