Buscar neste blog

domingo, 9 de outubro de 2016

Segunda derrota en liga do Armenteira Veteranos ante o Romai-Viveiros Outón

A quinta xornada de liga da Segunda Galicia de Veteranos na que compite o Armenteira Veteranos deparou para o equipo verdinegro a segunda derrota, que se produce ademais de forma consecutiva. O rival, o Romai-Viveiros Outón é un conxunto que leva anos militando en categorías superiores ás dos de O Leixo, e que sempre se caracterizou por ser unha escadra rocosa e de gran potencial físico. No encontro deste sábado os balóns longos buscando a velocidade en ataque dos seus puntas foron unha das principais armas dos de Romai e causaron moitos problemas defensivos a un Armenteira Veteranos que tampouco estivo demasiado acertado en ataque. Mikel Baños, un xogador vinculado familiarmente cos equipos de fútbol de A Armenteira, xa que a súa irmá forma parte do equipo feminino que esta temporada puxo en marcha a entidade verdinegra, foi xogador máis incisivo dos locais. Pero co resultado de dous goles a cero para os albicelestes houbo un feito que foi determinante: a expulsión de Cacabelos no minuto 41 despois de discutir unha decisión arbitral. Con esta desvantaxe a situación resultou máis ca compricada para a formación visitante que, aínda que chegou a dispoñer dalgunha ocasión para darlle emoción ao partido, viu como o Romai-Outón ía ampliando o marcador ata colocalo no cinco a cero final. Esta derrota deixa ao Armenteira Veteranos na cuarta posición, con nove puntos, á espera de recibir a visita o próximo sábado do Sisán Veteranos, sétimo clasificado con sete puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario