Buscar neste blog
mércores, 5 de outubro de 2016
Eliminado un niño de avespa asiática en Cabeza de Boi
A presenza da avespa asiática segue alarmando á poboación de O Salnés. Na tarde deste mércores foi detectada a presenza dun dos seus niños no lugar de Cabeza de Boi, nun hórreo pertencente a unha vivenda situada nas proximidades da capela de San Xosé Obreiro. Ante a alarma dos veciños fíxose necesaria a intervención dunha dotación de bombeiros, que se desprazou ata este núcleo de poboación da parroquia de A Armenteira para eliminar esta colonia de insectos. Ao parecer, segundo sinalan as xentes do lugar, os frecuentes incendios que asolaron o entorno durante o pasado verán provocaron a fuxida destas avellas dende as zonas de bosque dos arredores ata atopar refuxio no hórreo desta casa familiar. Esta especie, tamén chamada velutina, é orixinaria de Asia e dende fai anos instalouse en Galicia, aproveitando a similitude do clima galego co das súas zonas de orixe. Considerada unha especie invasora, chega a triplicar en tamaño á avella europea, e soe establecer os seus niños no alto das árbores, en colonias de máis de mil individuos. A súa chegada supuxo unha ameaza para a abella doméstica, da que se convertiu na principal depredadora. Aínda que a súa picadura non supón maior perigo para o ser humano cá das súas parentes europeas, sí pode causar graves problemas de saúde no caso de que as picadas sexan múltiples ou no caso de persoas alérxicas ao seu veleno.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario