Buscar neste blog

luns, 17 de outubro de 2016

Marcial Prado: "A falta de intensidade pasounos factura"

O adestrador do equipo feminino do Armenteira C.F., Marcial Prado, quixo mostrar o seu descontento tras a oportunidade perdida no encontro que o conxunto que el dirixe disputou este domingo no campo de O Leixo ante o C. Xuventude Cambados. "Con puntiño máis de actitude poderíamos competir de igual a igual" manifestou o técnico de San Salvador. "É certo que as baixas coas que contábamos nos condicionaron moito", afirmou referíndose as numerosas ausencias que mostrou o seu equipo, que só puido dispoñer de 12 xogadoras para este encontro. Con todo, o adestrador verdinegro mostrouse satisfeito con algúns aspectos da actuación das súas xogadoras. "Conseguimos aguantar 20 minutos co resultado de empate a cero". "Se tiveramos máis fortuna na oportunidade que tivo Mar, que nos poría por diante no marcador, o partido quizais acabaría sendo distinto". "A defensa estivo seria e ordenada" e "Uxía estivo bastante segura baixo os paus" foron outras das súas reflexións despois dun partido que deixa a escadra que dirixe na duodécima posición do grupo 2 da Segunda División Feminina. A próxima fin de semana o Armenteira C.F. feminino deberá desprazarse ata o campo de A Merced, onde deberá medirse, previsiblemente o domingo a partires 16 horas, ao C.D. Conxo, un equipo que ocupa a sexta posición con sete puntos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario