Buscar neste blog

sábado, 1 de outubro de 2016

Vitoria contundente da U.D. San Miguel de Deiro ante o equipo benxamín do Armenteira C.F.

A U.D. San Miguel de Deiro puxo en evidencia a súa superioridade respecto do equipo benxamín do Armenteira C.F. no partido que ámbolos dous equipos disputaron na mañá deste sábado no campo de O Leixo. Os rapaces e rapazas que dirixen Luis e Alba Barral pouco puideron facer ante un conxunto rival que se apropiou do dominio do xogo e do balón dende o primeiro minuto, e que demostrou un nivel competitivo moi por enriba dos equipos aos que se vai enfrontar na temporada que dará comezo a próxima fin de semana. O excelente rendemento que a maior parte destes futbolistas deixaron ver nas pasadas campañas defendendo as cores da S.D. Pontearnelas parece que se vai volver a exhibir na presente temporada coa camisola laranxa do clube de Deiro. O gol de Brais Charlín, de novo o xogador máis incisivo en ataque dos verdinegros. serviu para animar a un grupo de nenos e nenas desexosos de seguir aprendendo e formándose no mundo do fútbol. O ambiente festivo co que se desenvolveu esta xornada de fútbol, que se viu acompañado da paella, as castañas e os doces que trouxeron os pais e nais do nenos e nenas do equipo infantil do Armenteira, e pola agradable música das gaitas que se desprazaron dende a parroquia vilanovesa contribuiron a agrandar aínda máis o disfrute do numeroso público que este sábado poboaba as bancadas de O Leixo.




Ningún comentario:

Publicar un comentario