Buscar neste blog

sábado, 22 de outubro de 2016

Ricardo marca as diferenzas no derbi municipal de veteranos

Ricardo Fernández Mascato conta cun currículum futbolístico a altura de poucos xogadores das ligas locais de veteranos. Entre a nómina de clubes nas que militou destacan as dúas temporadas nas que vestiu a elástica do Pontevedra C.F. na Segunda División B. Máis recentemente moitos o recordarán como un dos principais impulsores do crecemento do equipo sénior do C.D. Ribadumia, ao que levou, compaxinando o posto de xogador e de adestrador ata a Rexional Preferente. Dende fai anos asentado no concello de Meis agora defende as cores do Cafetería Impacto-Mosteiro, ao tempo que adestra ao Zacande F.C. da Segunda Autonómica. No encontro que disputaron na tarde deste sábado o seu conxunto e o Armenteira Veteranos no campo Municipal de Zacande a súa intervención resultou máis ca decisiva. Tras uns primeiros minutos nos que o cadro de A Armenteira tratou de asumir o dominio do xogo, nunha das primeiras acometidas do Cafetería Impacto-Mosteiro, un balón centrado dende a banda dereita acabou nas botas de Ricardo, cun toque sutil da súa perna esquerda, o mandou lonxe do alcance das luvas do meta Joserra. A partires de entón a escadra local foi facéndose dona do partido, aínda que non chegaba a dispoñer de ocasións claras de gol. Na segunda metade o Armenteira Veteranos tratou de reaccionar pero nin Galiñanes, nin Jorge Castro, nin Marcial conseguiron acertar coas mallas da formación azul marina. Pero sen dúbida a ocasión máis clara da que gozaron os visitantes foi tras un penalti cometido polo ex-xogador verdinegro Adonis sobre Jorge Castro, e que este enviou por enriba do longueiro. A obrigada retirada do terreo de xogo do central Marcos tras recibir un golpe nunha cella e a lesión de Joserra, que deu a oportunidade baixo os paus a Pellejo, trastocaron a un Armenteira Veteranos que trataba de reaccionar con máis corazón que cabeza. A sentencia definitiva para o cadro da capital do concello de Meis chegaría de novo das botas de Ricardo, nesta ocasión dende o punto de penalti. Con esta derrota o Armenteira Veteranos continúa o seu descenso na táboa clasificatoria, traxectoria que agarda rectificar no partido que o próximo sábado o medirá ao Umia C.F.-Boa Vila, no que será un novo duelo de rivalidade para os futbolistas que capitanea José Luis Galiñanes.



1 comentario: