Buscar neste blog

sábado, 22 de outubro de 2016

Esaxerada derrota do equipo alevín do Armenteira C.F. en As Lampáns

O equipo alevín do Armenteira C.F. caiu derrotado no partido que disputou na mañá deste sábado no campo de As Lampáns ante a S.D. Amanecer. A pesares de que o conxunto local tivo o dominio do encontro e dispuxo de máis ocasións o resultado final de catro goles a cero resulta esaxerado tendo en conta o visto sobre o terreo de xogo. Na primeira metade os rapaces e rapazas que adestran Luis e Alba Barral mantivéronse agazapados no seu campo, tratando de manter a orde táctica e buscando armar algún contragolpe para inquedar ao rival. A agresividade en defensa de Adri ou Fran, os intentos de Íñigo de distribuír xogo no mediocampo, o desborde e a velocidade de Manu Meixús e Javi nas bandas e a loita de Brais Santamaría en ataque apenas permitiron que o cadro verdinegro se aproximara á área dos de San Vicente en tres ou catro ocasións neste primeiro período. No segundo tempo a tónica continuou sendo a mesma, pero un desaxuste defensivo foi aproveitado por Gabriel Esteban para batir a Sergio Matilde. Pouco despois Mateo Arosa poñía o dous a cero materializando un penalti que non tivo opcións de alcanzar o meta cambadés do Armenteira C.F., ao igual que ocurriu cun lanzamento de falta convertido por Iker Cruces. Co partido xa sentenciado Fran Silva lograba o catro a cero final tras batir a Gonzalo, que disfrutaba dos seus primeiros minutos baixo os paus da escadra de O Leixo. A formación verdinegra dispuxo dalgunha ocasión nesta segunda metade para maquillar o resultado, sendo a máis clara a que tivo nos seus pés Sara Rey despois dunha xogada individual e asistencia de Manu Meixús. Esta derrota deixa ao equipo que dirixe Luis Barral con tres puntos, á espera de recibir a próxima semana a visita da E.D. Poio, que conta cun punto máis na clasificación, no que será unha reedición despois de varias temporadas do derbi de O Castrove.


Ningún comentario:

Publicar un comentario