Os equipos benxamín e alevín do Armenteira C.F. coñecen xa dende esta fin de semana en que grupos van participar, os equipos cos que van competir e o calendario dos partidos do campionato de liga que comezará a partires da próxima fin de semana. Os conxuntos que están baixo a dirección de Luis e Alba Barral estrearán este ano un novidoso sistema de competición que a Federación Galega de Fútbol decidiu poñer en práctica. Estarán encadrados en grupos pouco numerosos en canto a número de equipos, de oito equipos no caso do conxunto benxamín e de dez no caso do alevín, e xogarán unha primeira fase que constará unicamente dunha volta. A partires de entón iranse formando novos grupos en función da clasificación dos equipos nesta primeira fase que volverán a enfrontarse mediante o sistema de liguiña. Segundo indican dende a institución deportiva con este novo formato pretenden darlle maior dinamismo e aumentar os incentivos para os clubes, establecendo ademais unha cantidade similar de equipos en cada grupo, co que se asegura que todos os grupos da mesma categoría comecen e rematen a liga na mesma fin de semana, algo que non ocorría en temporadas anteriores. No caso dos equipos do Armenteira C.F. o inicio da liga preséntase xa con sendos duelos de rivalidade. O equipo benxamín recibirá este sábado ao Umia C.F. mentres que o alevín desprazarase ata o campo de A Senra para enfrontarse, previsiblemente o domingo, ao C.D. Ribadumia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario