Buscar neste blog

sábado, 8 de outubro de 2016

Clara vitoria do Umia C.F. no estreno ligueiro do equipo benxamín do Armenteira C.F.

O primeiro partido de liga do grupo 64 da Segunda Autonómica Benxamín que disputaron este sábado o Umia C.F. e o Armenteira C.F. deparou unha clara vitoria do cadro vermello. A superioridade dos de Barrantes, cun conxunto moito máis experimentado e máis compensado en canto á idade e a capacidade física dos seus xogadores, púxose en evidencia dende o primeiro minuto de xogo. Cando se levaban tan só cinco minutos de partido o Umia C.F. xa sentenciara o encontro ante un cadro local que se resignaba a ver como os de A Bouza introducían o balón unha e outra vez no fondo das mallas defendidas por Sara Otero na primeira metade e por Isma na segunda, ata chegar ao resultado final de cero goles a dezasete. A presenza nas filas visitantes dalgúns xogadores naturais ou con orixe na parroquia de A Armenteira deulle a este partido un aliciente máis de rivalidade do que non foron alleos os nenos e nenas que saltaron á area de O Leixo coa intención de aprender e formarse a nivel deportivo. A próxima fin de semana o equipo benxamín do Armenteira C.F. deberá desprazarse ata o campo de As Cachizas para medirse a outro difícil rival, o Unión Dena C.F.




Ningún comentario:

Publicar un comentario