Buscar neste blog

domingo, 2 de outubro de 2016

Triunfo do equipo alevín do Armenteira C.F. no último partido de pretemporada

O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou vencer por sete goles a catro ao C. Vilagarcía S.D. no seu último encontro da pretemporada. Os rapaces e rapazas que adestra Luis Barral axiña se adiantaron no marcador, e con dous goles de vantaxe puideron xestionar comodamente o marcador e utilizar a que foi a súa mellor arma sobre a area de O Leixo, o contragolpe. O dominio dos vilagarciáns resultaba pouco efectivo ante un Armenteira C.F. que agardaba no seu campo e aproveitaba as perdas de balón dos rivais para buscar a velocidade e a capacidade de desborde dos seus atacantes. Sara Rey, Íñigo e Manu Meixús, todos eles por partida dobre, e Adri foron os autores dos goles locais. Como curiosidade cabe destacar que C. Vilagarcía S.D. figuraba o ex-xogador verdinegro Ruibo Yang, incorporado este verán ás filas do cadro amarelo xunto ao seu irmán Zubo, que neste caso forma parte do conxunto de categoría infantil que compite na Primeira Autonómica. A próxima fin de semana a escadra de O Leixo debe desprazarse ao campo de A Senra, onde disputará o seu primeiro partido de liga ante o C.D. Ribadumia, no que suporá o regreso ás ribeiras do Umia de Luis Barral, que estivo ligado en varias etapas da súa carreira de xogador e adestrador ao clube aurinegro. Na última campaña o técnico de Barrantes foi o responsable do cadro alevín e do C.D. Ribadumia "B" de categoría sénior, polo que de seguro que será para el unha cita máis ca emotiva.


Ningún comentario:

Publicar un comentario