Buscar neste blog

sábado, 1 de outubro de 2016

Clara superioridade dun Soho Cambados que vence e se fai co liderato en solitario en O Leixo

O Soho Cambados logrou unha vitoria clara ante o Armenteira Veteranos no partido que disputaron na tarde deste sábado no campo de O Leixo. A disputa polo liderato do grupo 1 da Segunda Autonómica de Veteranos caiu do lado dos cambadeses, que puxeron de manifesto a calidadade que atesouran nas súas botas a maior parte dos seus xogadores. Nomes como o de Edu Charlín, Eulogio, Rodri ou Simón, futbolistas todos eles formados na canteira do C. Xuventude Cambados e que chegaron a militar nalgún dos casos durante varias temporadas na Terceira División son un exemplo do nivel deste conxunto, quizais o gran favorito para alzarse co campionato do grupo. Cando se levaban disputados apenas 20 minutos de partido o Soho Cambados xa controlaba placidamente o encontro. Con dous goles da vantaxe, aproveitando os desaxustes defensivos dos locais e valéndose da calidade dos seus homes, o cadro branco puido vivir con tranquilidade o resto do encontro. Os detalles de calidade de Javi na liña de creación e as acometidas de Jorge Castro en ataque resultaron infructuosas ante un rival que na segunda metade conseguiría dous tantos máis, o último deles de forma desafortunada, en propia meta. O cero a catro co que remataron os noventa minutos supón a primeira derrota da temporada dunha escadra verdinegra que se sitúa agora na terceira posición da táboa e que o próximo sábado terá unha difícil saída ao campo de A Rapeira, en Portas, para enfrontarse ao Romai-Viveros Outón, cuarto clasificado con oito puntos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario