O equipo alevín do Armenteira C.F. sufriu unha abultada derrota no partido que disputou na mañá deste domingo ante un inspirado C. Xuventú Sanxenxo no campo de Baltar de Arriba. O resultado final de sete goles a un parece indicar a primeira vista que se tratou dunha malleira, pero, como puideron observar os numerosos asistentes que acudiron á famosa vila turística das Rías Baixas, o resultado é, a todas luces, enganoso. Ben é certo que non foi o día dos nenos e nenas que adestra Luis Barral, aos que posiblemente afectou o nerviosismo de xogarse o liderato do grupo ante o equipo que ocupaba a primeira posición. Pero tampouco os acompañou a fortuna nos momentos decisivos do partido. De feito, nos primeiros minutos o dominio correspondeu ao Armenteira C.F. A saída do balón dende a zona defensiva de Adri, o control dende o mediocentro de Íñigo e o desequilibrio de Manu Meixús e Junior por banda mostraban a un conxunto ben asentado que partía coa intención de lograr unha vitoria que o aupase á primeira posición da táboa clasificatoria. Todas estas ilusións comezaron a derrubarse canto un veloz contraataque dos locais acabou cun centro dende a banda esquerda que Sergio Matilde non puido atallar e Miguel Pérez enviaba ao fondo das mallas. A reacción dos visitantes viuse cortada cando Yoel Pazos acadaba o segundo tanto nun lanzamento directo dende a zona de córner que se colou entre a defensa e o porteiro verdinegro. A fortuna volveu aliarse co cadro amarelo no terceiro gol, cando Juan Gómez disparou dende fóra da área e o balón impactou en Fran para desviar a súa traxectoria, despistando a Sergio Matilde. Con esta desvantaxe a moral dos xóvenes futbolistas do Armenteira C.F. viuse abaixo e nin sequera o gol dende o saque de centro de Adri no minuto 20 axudou a elevar minimamente os seus ánimos. Na segunda metade o C. Xuventú Sanxenxo fíxose dono absoluto do partido e vivindo da súa inspiración anotaría tres tantos máis. A pesares desta derrota a formación que dirixe Luis Barral mantense no segundo posto con nove puntos en plena loita polo campionato do grupo. A próxima fin de semana buscará confirmar de novo as súas aspiracións no encontro no que recibirá no campo de O Leixo á S.D. Chispa, que ocupa a sétima praza con seis puntos.
Buscar neste blog
domingo, 29 de xaneiro de 2017
sábado, 28 de xaneiro de 2017
Nin o fútbol nin a fortuna estiveron do lado do Armenteira Veteranos ante Os Raposos
O Armenteira Veteranos viviu na tarde deste sábado uns deses partidos que é mellor esquecer. Foi unha das actuacións máis pobres das que se lembran do equipo verde e negro á que se sumou a escasa fortuna en determinadas accións, que resultaron ser decisivas para o desenlace do encontro. Sobre o embarrado terreo de xogo de O Leixo o Armenteira Veteranos presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Marcos, Portas e Óscar na liña defensiva, Marcial, Cacabelos, Rafa e Pellejo no mediocampo, e Alfonso e Manueliño na dianteira. Os pelotazos e as imprecisións foron a nota dominante dende os primeiros minutos. O equipo visitante, Os Raposos, sen estar especialmente lúcido, soubo sacar proveito desta situación e grazas á velocidade e a efectividade dos seus atacantes, principalmente de Martín Viñas, autor de tres tantos. Foi precisamente este futbolista o que poría por diante ao cadro de Noalla tras unha perda de balón dos locais no mediocampo que veu seguida dunha serie de erros encadenados en defensa. Unha xogada combinativa do Armenteira Veteranos cuminada cunha cabezada de Manueliño, igualaba o marcador e parecía ser o inicio da remontada. Pero non foi así, e, de novo Martín Viñas, nunha acción similar á do seu primeiro gol, empalmaba un remate a reviravolta ante o que nada puido facer o meta Joserra. Tras o descanso, a reacción que pretendían os locais atopouse non só coa súa falta de inspiración senón cunha falta de fortuna que fixo que encaixasen algúns goles de auténtico chiste. Foi o que ocurriu no terceiro tanto de Os Raposos, cando Joserra saiu a despexar un balón cos pés, con tan mala sorte que golpeou no central Carlos e acabou deixando só ante as mallas a un Héctor Lorenzo que non perdoou. Máis desafortunado foi o cuarto tanto dos visitantes. Despois dun saque de córner un despexe de Marcos colouse lentamente entre o pau dereito e o gardamallas verdinegro. E o quinto gol tampouco puido escapar do infortunio. Un balón roubado por Martín Viñas das botas do xogador en posición máis atrasada do Armenteira Veteranos finalizou cun novo gol do dianteiro dos de Noalla. Un remate de Alfonso de cabeza e un disparo tras unha xogada individual de Manueliño, ámbolos dous nos últimos suspiros do encontro, resultaron insuficientes para que os de O Leixo arrincasen polo menos un punto. Esta derrota por tres goles a cinco fai que avescadra verde e negra baixe ata a décima posición, con vintecatro puntos, situación de tratará de mellorar na difícil cita do próximo sábado no campo de O Pombal ante o Soho Cambados, líder destacado do grupo con corenta e cinco puntos.
O equipo infantil do Armenteira C.F. mantén o tipo en Barrantes
O equipo infantil do Armenteira C.F. deu unha imaxe aceptable e mantivo o tipo na súa visita ao campo de A Bouza, en Barrantes, para enfrontarse a un dos conxuntos con maiores aspiracións da categoría, o histórico Umia C.F. Os rapaces e rapazas que adestra o cambadés Valentín Estévez "Tilín" afrontaban o encontro coa condición de vítimas e, pese a todo, deixaron un bo sabor de boca ante a numerosa afección que se congregou nas bancadas para presenciar este duelo de rivalidade entre dous equipos que representan a dúas localidades tan próximas e con tantos vínculos en común. No cadro de Barrantes militan varios xogadores que residen ou con orixes familiares en A Armenteira, e que nalgún dos casos iniciaron a súa carreira deportiva en O Leixo, o que contribuía a dar aínda máis alicientes ao partido. O técnico verdinegro, que contaba con baixas tan relevantes como as de Santi, Kevin ou Carlos, presentou un once inicial con Sergio baixo paus, Xoán, Sebas, Álex Ruel e Andrei en defensa, o retornado Migui, Mosteiro, Jose Otero e Andrés Liu na liña medular, Hugo na mediapunta e Piñeiro en ataque. Dende o primeiro minuto o Umia C.F., facendo gala da súa condición de local, asumiu a posesión do balón, pero non era quen de poñer en apretos á portería defendida por Sergio. Os verdinegros, liderados por un Álex Ruel colosal en defensa, buscaban unha e outra vez con balóns longos a Piñeiro, pero non foi a tarde do potente dianteiro de Vilariño, que de novo tipo que facer fronte aos agarróns dos defensas e á hostilidade do público rival, que non parece comprender a intensidade coa que disputa os balóns, e que xulga de maneira inxusta e desmesurada as súas accións. Un zapatazo de Lucas García, que se colou pola escadra dos de A Armenteira, poñía a primeira pedra dunha vitoria que se cimentaría para o Umia C.F. cos tantos que logo acadarían Tomás Castro e David Rodríguez, o futbolista máis talentoso dos vermellos. A saída dende o banquillo de Anabel, Jeffrey, o alevín Íñigo, Enilson e Perla non conseguiron mudar o rumbo dun partido que finalizaría con este tres a cero. Unha das notas máis positivas para a formación verdinegra foi a pletórica actuación de Álex Ruel no centro da defensa. O futbolista de Meaño, sen dúbida o mellor de todos os que compareceron sobre o céspede artificial de A Bouza, mostrou unha enorme solidez e exhibiu un gran repertorio de recursos no corte e na saída de balón, que demostran unha vez máis que é un dos principais baluartes da entidade verde e negra. Na próxima xornada o equipo infantil do Armenteira C.F. recibirá a visita da C.D. Portas, nunha cita na que tratarán de vingar a dolorosa derrota do partido da primeira volta.
O equipo benxamín do Armenteira C.F. compite ante o Céltiga F.C.
O equipo benxamín do Armenteira C.F. caiu derrotado por sete goles a dous no partido que disputou na mañá deste sábado na campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, ante o Céltiga F.C. A pesares da contundencia que parece reflectir o resultado, o cadro que dirixen Luis e Alba Barral, deu a cara e amosouse coma un equipo competivo durante bastantes fases do encontro. De feito, nos primeiros minutos o dominio correspondeu ao conxunto verdinegro pero, un gol nun saque de córner directo, puxo en vantaxe aos de A Arousa. Isto refozou a moral da escadra local que comezou a cercar a portería defendida, de novo con acerto, por Sara Otero. Dúas xogadas de contragolpe do Céltiga F.C., aproveitando os problemas de colocación no repregue dos visitantes, levaron aos insulares cunha bagaxe de tres goles a un. A reacción do Armenteira C.F. veu na segunda metade. E foi outra vez máis encabezada por Brais Charlín. O futbolista de Silván volveu dar mostrar do seu tremendo potencial, que o converten nun dos xogadores cun futuro máis prometedor da factoría de O Leixo. Unha espectacular volea que se colaba pola escadra defendida por Borja Dacosta e un balón pelexado con ímpetu por unha motivada Ainoha, que volvía á terra que a viu nacer, apretaban o marcador e parecían poñer emoción aos minutos que restaban. Pero o arreón final dos locais derrubou as ilusións dos de A Armenteira. Ramón, que se estreaba como porteiro neste segundo período, contemplaba como catro goles se colaban no fondo das súas redes ata conformar o sete a dous co que se chegaba ao minuto cincuenta. A próxima fin de semana, os nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral terán outra nova oportunidade de seguir disfrutando e aprendendo do fútbol coa visita que realizarán ao campo Príncipe Felipe, de Pontevedra, para medirse á S.C.D. Salcedo, un equipo que ocupa a cuarta posición con nove puntos.
luns, 23 de xaneiro de 2017
Armenteira con bo pé
É A Armenteira un lugar no que o hábito de camiñar se mantén xeración tras xeración. Se fai anos as xentes camiñaban por necesidade, e calzaban os seus zocos para percorrer as distancias, longas como semelleban ser todas naquela época, que as separaban da consulta médica, da feira de O Mosteiro ou dos mercados da contorna aos que ían a vender as peras, as cereixas e todas as demais froitas que producían en cantidade e que permitían obter uns modestos beneficios cos que sustentar as maltreitas economías familiares. Hoxe en día, as xentes seguen saíndo a andar, pero xa non é por necesidade ou por non dispoñer de vehículo a motor. Polas estradas e corredoiras da parroquia e, en especial pola Ruta da Auga e da Pedra, tropas e tropas de camiñantes deixan a súa pegada neste afamado itinerario turístico. A pegada é, pois, un elemento básico para todos eles. Na actualidade avanzaron moito os estudos relacionados con ela. Estes estudos permiten revisar a pegada e a marcha ao andar para previr posibles lesións, e é algo moi recomendable para determinadas idades, especialmente para os nenos e nenas que practican deporte. Neste senso, este martes, a partires das 19:30 horas no campo de O Leixo, o Armenteira C.F., en estreita colaboración coa Clínica Dental Mosteiro, organizou unha charla sobre este tema da que se encargará o podólogo especializado en podoloxía deportiva Isidoro Buceta. Este profesional explicará aos presentes os aspectos máis salientables dunha disciplina que ten como obxectivo o estudo, diagnóstico e tratamento das enfermidades e alteracións que afectan aos pés, e que está experimentando un notable avance nos últimos anos. O terapeuta arousán que tamén atende en Clínica Dental Mosteiro, tratará de transmitir aos pais, nais, xogadores, xogadoras e aos afeccionados que acudan ata o campo do lugar de O Busto, a importancia do coidado do pé nuns tempos, nunha parroquia e para un clube para os que andar segue sendo algo que se fai firmemente cos pés na terra e coa vista posta no ceo.
domingo, 22 de xaneiro de 2017
O equipo feminino do Armenteira C.F. cae derrotado baixo o intenso frío de Santiso
O equipo feminino do Armenteira C.F. caiu derrotado no partido fue disputou na mañá deste domingo no campo Municipal de Santiso. Tras unha longa e azarosa viaxe ata as terras de Melide, na que non faltou algunha anécdota curiosa, as rapazas que adestra Marcial Prado tiveron que afrontar de novo un encontro moi mermadas polas numerosas baixas que levan soportando ao longo desta temporada. A elo houbo que engadir o frío, que nesta comarca nas ribeiras do Ulla era especialmente intenso. O técnico de San Salvador, que puido contar con só doce xogadoras, tivo que facer fronte a todas estas adversidades e presentou un once inicial na que a nota máis chamativa era a presenza de Ángeles na portería. A xogadora de San Amedio, a única de A Armenteira que está participando regularmente no equipo, que, a pesares de ter unha longa experiencia no fútbol feminino, militando anteriormente en entidades coma a S.D. Pontearnelas, viuse obrigada, por mor das baixas de Uxía e Karla, a facer o seu debut nesta posición tan específica. De familia de fonda tradición de gardamallas, cabe recordar que o seu pai, un dos futbolistas máis senlleiros que deu a parroquia, defendeu durante anos as porterías de clubes como o Umia C.F. e o C.D. Ribadumia, e que o seu curmán Joserra é o actual cancerbeiro do Armenteira Veteranos, Ángeles tirou de bravura e colocouse as luvas para tratar de parar ás dianteiras da U.D. Santiso F.C. Formou nun equipo titular no que tamén figuraron Ana Lorenzo, Alessandra, Diana e Fátima en defensa, Ana Martínez, Naomi e Raquel no mediocampo e Jessica, Paula e Mar en ataque. Dende os primeiros intres a U.D. Santiso tomou o control do xogo ante un cadro verdinegro que apenas era quen de saír do seu campo. A falta de intensidade defensiva e os desaxustes no corte, unido ás precipitacións coas que se desprendían do coiro cada vez que caía nos seus pés marcaron o frouxo partido que realizaron as futbolistas da entidade de O Leixo. Pouco puido facer Ángeles ante as numerosas aproximacións á súa área das locais, e ata nove goles remataron no fondo da súa portería. O solitario gol do Armenteira C.F. foi anotado curiosamente tamén polas de Santiso, nun pase que pillou despistada á meta Carla Martínez. Outra nota destacada do encontro foi o estreno na segunda metade coa camisola verdinegra de Ana Abal, unha xogadora que tamén conta con pasado familiar na entidade, posto que o seu tío exerceu de adestrador do equipo sénior fai varias campañas. Estas mozas terán agora tres semanas para repoñer forzas e recuperarse dos problemas físicos, xa que ata o 12 de febreiro non terán partido de liga, que será no duelo de rivalidade que as medirá ao C. Xuventude Cambados no campo de O Pombal.
sábado, 21 de xaneiro de 2017
Un minuto de fútbol en O Revel
Un minuto, ese foi o tempo que se xogou do partido da Segunda Galicia de Veteranos entre o Interrías Villalonga e o Armenteira Veteranos. O cadro local, esponsorizado pola renomeada empresa da capital turísitica das Rías Baixas, moi mermado en canto a efectivos no que levamos de temporada, observou con desesperación como esta semana a gripe que tan vorazmente está atacando este inverno contaxiaba a varios dos seus xogadores. Por este motivo, e ante a imposibilidade de aprazamento, os locais presentáronse en O Revel unicamente con oito homes. Os de O Leixo, pola súa banda, acudían coa intención de lograr unha vitoria que os axudase a esquecer os resultados desfavorables dos últimos partidos. Cando o árbitro deu o pitido inicial, sen dar tempo a que os futbolistas verdinegros conducisen o balón cara o campo contrario, os oito compoñentes do conxunto branquivermello que compareceron no terreo de xogo emprenderon unha marcha cara os vestiarios que axiña se viu acompañada polo son do silbato do colexiado indicando a finalización do encontro. Corresponderá agora ás autoridades federativas dictaminar o resultado definitivo. Con todo, non foi unha tarde perdida para os xogadores do Armenteira C.F., posto que, unha vez descartada a disputa dunha pachanga, algúns deles aproveitaron para disfrutar diante da pequena pantalla do partido que xogaban a esa hora o Real Madrid e o Málaga mentres outros se desprazaban ata un dos campos da comarca nos que xogaban outros equipos do grupo, como foi o caso do interesante duelo de rivalidade que mediu no campo de O Pombal ao Soho Cambados e ao Umia C.F.-Boa Vila e que rematou cun triunfo por tres tantos a un para os locais.
Dous puntos que se lle volven escapar nos últimos minutos ao equipo infantil do Armenteira C.F.
O equipo alevín volveu a sufrir a crueldade dos últimos minutos, á que desafortunadamente xa se está acostumando esta temporada. O cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín" realizou un partido serio e merecedor dun resultado máis favorable, pero os despistes defensivos e a falta de claridade e puntería nos metros finais impedíronlle poñer a xustiza no marcador. O técnico cambadés presentou un once inicial con Sergio en portería, Xoán, Santi, Sebas e Jose Otero en defensa, Andrés Liu, Carlos Pérez, Álex Ruel e Mosteiro na liña medular, Hugo na mediapunta e Piñeiro como xogador máis adiantado. Dende o pitido inicial o Armenteira C.F. asumiu o control do xogo, pero o equilibrio entre ámbalas dúas escadras fixo que non houbese ocasións de claridade. Na segunda metade mantívose a tónica da primeira, pero Carlos Pérez, cunha preciosa volea dende a fronta da área poñía en vantaxe aos locais. Cando o partido parecía estar controlado, unha xogada na que os verdinegros reclamaron man, acabou cunha pelota colgada ao centro da área que pillou aos centrais despistados, sen que a intervención do lateral Jose Otero puidese cortalo, e Borja González elevaba o coiro porriba do meta Sergio para introducilo no fondo das mallas. No minuto setenta chegaría o detalle da mañá. Foi unha espectacular xogada de Álex Ruel, que foi sorteando a todo rival que saía ao seu paso ata prantarse diante do gardamallas Javier Santiago e batela coa frialdade dun xogador da categoría do centrocampista meañés. Cando parecía que os tres puntos se ían quedar en O Leixo, a falta dun minutos para cumprir o tempo regulamentario, un discutido penalti sinalado polo colexiado Casalderrey Soria e materializado por Borja González fixaba no marcador o resultado de empate a dous co que se daban por finalizados os oitenta minutos. Aínda houbo tempo para que Piñeiro se quedase só ante o meta dos de A Arousa pero novamente o desacerto e a falta de puntería non estiveron do lado do dianteiro de Vilariño. Con esta igualada a escadra verde e negra sitúase de forma provisional na oitava posición con vintetrés puntos. A próxima xornada o equipo infantil vivirá un duelo de rivalidade no encontro que o medirá no campo de A Bouza ao Umia C.F., un dos conxuntos con maior potencial e chamados a loitar polos postos de privilexio.
Tres vitorias en tres partidos disputados para o equipo alevín do Armenteira C.F.
O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu na mañá deste sábado, no campo de O Leixo, unha nova vitoria na Segunda fase da categoría na modalidade de fútbol-8. Os rapaces e rapazas que adestran Luis e Alba Barral saíron ao terreo de xogo moi motivados, tratando de non dar ningunha concesión a un rival, o Catoira S.D., que apenas se puido achegar ás inmediacións da meta defendida por Sergio Matilde. Un excepcional Junior abriría o marcador para o cadro de O Leixo, e despois virían os tantos de Manu Meixús en dúas ocasión, Brais Santamaría, Adri e Javi. O tanto dos visitantes foi anotado por Hugo de Jesús, ao sacar proveito dun balón que se escapou das luvas do meta da formación verdinegra. Este resultado de seis goles a un deixa ao Armenteira C.F. coma líder momentáneo do grupo, aínda que restan varios partidos deste xornada por celebrarse. A contundencia defensiva, anticipación, o ritmo de xogo, a velocidade e o desborde por bandas e a pegada en ataque que vén exhibindo o conxunto que dirixe Luis Barral colócao coma un dos grandes favoritos a acadar o título de campión de liga. Pero, para elo deberán superar a próxima fin de semana á esixente escadra do C. Xuventú de Sanxenxo no campo de Baltar de Arriba.
Partido con alternativas entre os equipos de categoría alevín da A.X. Saraiba do Mar e do Armenteira C.F.
O Armenteira C.F. e a A.X. Saraiba do Mar disputaron este sábado no campo de O Leixo un entretido partido con alternativas para ámbolos dous bandos. O cadro local saltou ao campo sen o ritmo e a concentración suficiente, o que foi aproveitado pola escadra de Portonovo para marcar distancias. Co resultado de cero a tres o golazo de Brais Charlín, despois dun excepción zapatazo coa perna dereita, non puido dar posibilidades de remontada aos nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral. Xa no segundo período, de novo Brais Charlín anotaba o segundo e último tanto dos de A Armenteira. Non foi un mal partido o da escadra verdinegra, pero superioridade táctica e a maior capacidade de definición dos visitantes déixaa sen puntuar outra xornada máis. O resultado final de dous goles a seis mantén ao Armenteira C.F. na oitava praza á espera de visitar a próxima fin de semana o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, para medirse ao Céltiga F.C., segundo clasificado con trece puntos.
venres, 20 de xaneiro de 2017
A orquestra Jerusalén elixe A Armenteira para probar o seu novo espectáculo
A orquestra Jerusalén decidiu escoller A Armenteira como lugar de probas para o espectáculo que porá en escena durante este ano. A popular orquestra pontevedra, un dos conxuntos musicais máis en auxe de Galicia, instalou durante o xoves 19 o seu imponente escenario no campo da festa da parroquia e puxo a funcionar o seus potentes aparellos de luces e son. Foi unha sorpresa para moitos veciños e veciñas que se observaron con asombro o espectáculo, ao tempo que chegaban aos seus oídos os ritmos que acompañarán as xiras da orquestra. Na decisión de elixir A Armenteira para este acto de seguro que tivo que ver, aparte da beleza e a idoneidade do entorno, no que xa ten actuado en alguna ocasión, o feito de que algún dos compoñentes deste grupo musical sexa natural da parroquia.
mércores, 18 de xaneiro de 2017
A capela de San Antonio congrega un ano máis a numerosos fieis
A capela de San Antonio, situada no lugar de San Amedio, ao pé da estrada que sobe cara o mosteiro cistercierse de Armenteira, do que o separa aproximadamente un quilómetro, convertiuse un ano máis no lugar de reunión para os fieis e os festeiros en xeral que quixeron disfrutar os días 17 e 18 de xaneiro dunha das festas máis tradicionais e con máis arraigo na parroquia, a celebración na honra de San Antonio Abad. O día grande, o martes 17 foron máis de persoas as que acudiron á misa solemne oficiada polo cura párroco Don Ramón Fernández, que foi seguida ,como todos os anos, dunha procesión que arrodeou a capela e das características poxas. Argimiro Torres, todo un veterano nestas lides, foi o responsable de poxar os animais e os produtos campestres ofrecidas polos devotos. Galos, carneiros ou lacóns foron subastados entre os asistentes, que decidiron afrouxar o seu peto, como a ocasión o requiría, e chegaron a entregar ata 50 euros por algunha destas pezas. Algúns destes incondicionais fieis volveron acudir o mércores 18, o tracionalmente coñecido como o "día dos callos", por ser este un prato habitual neste día. Tras o oficio relixioso, as poxas fixeron a súa aparición por segunda xornada consecutiva. Os veciños e veciñas pasaron unhas mañás entretenidas, nas que a charla e a leira se mesturaron co estourido dos foguetes e fixeron que non se botase en falta a actuación musical que, por primeira vez en moitos anos, non puido levarse a cabo. Para completar este animado panorama festivo, as familias volveron xuntarse en torno a unha mesa para disfrutar de copiosos banquetes familiares nos que os mariscos, os callos, o cocido e o carneiro son manxares máis ca obrigados. Unha partida de cartas acompañadas dun café con augardente do país serviron para alongar uns festexos que nin o paso do tempo, nin o feito de non coincidir en día laborable, nin tampouco a vaga de frío siberiano destes días puideron impedir que se desenvolvesen con éxito un ano máis.
luns, 16 de xaneiro de 2017
A Armenteira volve celebrar unha das súas festas máis tradicionais
Conta a historia que houbo un home de familia acomodada, que viviu no que é actualmente Exipto entre os séculos III e IV, que o deixou todo, a súa familia e os seus bens, para retirarse ao deserto. Foi alí onde descubriu a sabedoría e o amor por Deus en base a observar a natureza e os animais. En relación con estes últimos acabáronselle atribuíndo varias miragres. Este home non era outro que San Antonio Abad. Por este motivo é considerado o patrón dos animais, como tamén o é dos tecedores de cestos, dos fabricantes de pinceis, dos carniceiros e dos sepultureiros. Nunha parroquia como a de A Armenteira, na que os cambios na economía e nos modos de vida dos últimos tempos mudaron moitas costumes, o coidado dos animais foi e segue sendo fundamental e permite que esta celebración continúe tendo un grande arraigo. O martes 17 de xaneiro, pero tamén o mércores 18, toda a parroquia, e especialmente os lugares situados ao norte da capela que se atopa ao pé da estrada que sobe cara o mosteiro cisterciense volverán vestirse de gala para disfrutar deste tradicional festexo. Son as únicas datas do ano nas que a capela abre as súas portas aos fieis. Os actos comezarán o día 17 cunha misa solemne ás 13 horas, que irá seguida dunha procesión para dar lugar as características poxas, que serán dirixidas outro ano máis, como vén ocorrendo durante as últimas décadas, por Argimiro Torres. Este veciño do lugar de San Amedio encargarase de poxar os galos, os lacóns, os chourizos e outros produtos do campo que os fregreses ofrecen ao santo e que soe reportar uns importantes benificios para a comisión organizadora, á fronte da cal se atopa o cura párroco Don Ramón Fernández. Por razóns de forza maior o grupo de gaiteiros que viña amenizando esta celebración durante os últimos anos non poderá acudir, polo que, por primeira vez en moito tempo, os asistentes non poderán gozar dunha actuación musical. O día 18, de novo a partires das 13 horas, terá lugar un oficio relixioso. En lugares coma San Amedio, Castiñeira, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras, Gondes e As Congostras as xentes soen reunirse o 17 e o 18 de xaneiro en torno a unha mesa para conmemorar unha das principais e máis antigas festas de A Armenteira que, a pesares do paso do tempo, do descenso do número de animais nos fogares, do feito de que moitos anos coincida en días laborables e do frío e da climatoloxía adversa que caracteriza a esta época do ano continúa atraendo a devoción dos veciños e veciñas da parroquia e dos arredores.
domingo, 15 de xaneiro de 2017
O equipo feminino do Armenteira C.F. sofre de novo as embestidas do Touro S.D.
O Armenteira C.F. caiu derrotado por cero goles a nove no partido que disputou na tarde deste domingo ante o Touro S.D. As visitantes, que actuaron sen clemencia algunha no encontro da primeira volta, buscaron outra goleada que maquillase a súa regular traxectoria na liga e que ademais axudase a encumbrar á súa xogadora estrela Laura Mosquera, que aspira a estar entre as máximas goleadoras do grupo. O corpo técnico que dirixe Marcial Prado presentou un once inicial con Uxía de gardamallas. Karla, Alessandra, Fátima e Ana Lorenzo en defensa, Diana como mediocentro defensiva, Ana Martínez e Raquel de volantes, Jessi e Paula nos extremos e Mar na punta de ataque. Con relativa orde táctica e presionando a posesión do balón do Touro S.D. as locais mostraron dende os primeiros intres que a diferenza que existía no encontro da primeira volta entre ámbalas dúas escadras non era agora tanta. Pero un centro que cruzou o centro da zaga verdinegra foi rematado por Vanessa Rey no segundo pau para adiantar ás súas no marcador. A partires de entón, aínda que ás féminas do Armenteira C.F. mantiveron relativamente a compostura, as visitantes afanánaronse na súa misión goleadora nunha situación tan favorable coma a esta xornada. O gran gol de Laura Mosquera tras driblar a varias contrarias foi unha das máis destacadas notas de calidade que deixou talentosa futbolista do clube da comarca da Compostela. As locais tiveron os seus principais argumentos ofensivas nas incursións por banda de Paula e nas arrancadas en velocidade dunha Mar que tampouco tivo nesta ocasión a fortuna de dar coas mallas rivais. O próximo domingo as esforzadas guerreiras verdinegras terán un dos seus desprazamentos máis lonxanos, que será ata o concello de Melide, onde se medirán á U.D. Santiso F.C,, que ocupa a oitava praza con dezaoito puntos.
O equipo infantil do Armenteira C.F. reencóntrase coa vitoria nun animado partido
O equipo infantil do Armenteira C.F. retomou este domingo á senda da vitoria tras vencer no campo de O Leixo ao C. Xuventú Sanxenxo por seis goles a tres. As numerosas baixas que sufriu o conxunto durante os adestramentos da semana obrigaron ao adestrador local, Valentín Estévez "Tilín" a botar man dalgún xogador do equipo de categoría alevín. E de novo foron Íñigo e Adri os que tiveron a oportunidade de participar cos seus compañeiros de clube. O once inicial que presentou o cadro técnico local estivo composto por Santi na portería, Adri, Sebas, Xoán e Andrei na zaga, Andrés Liu, Álex Ruel, Jose Otero e Mosteiro no mediocampo, Hugo na media punta e Piñeiro como home máis adiantado. Xa no minuto un Piñeiro puxo por diante aos verdinegros. Foi nun balón en profundidade no que a forza e a potencia do atacante de Vilariño son letais. Pero o que parecía que ía ser unha vitoria cómoda e sen moitos sobresaltos comezou a compricarse, cando, tras perdoar en varias oportunidades, Álvaro González acadaba a igualada con remate de cabeza a un saque de córner. A reacción dos de A Armenteira non se fixo agardar e Mosteiro culminaba unha xogada pola banda esquerda no fondo das mallas defendidas por Nicolás Freijeiro. Na segunda metade os locais saíron desorientados e con certa relaxación. Unha xogada desafortunada na que Santi recibiu nos seus pés un balón deu lugar a un deficiente despexe que foi a dar aos dianteiros do clube amarelo, que novamente colocaban o empate no marcador. Pero un golazo pola escadra de Mosteiro, outro de Jose Otero tras varios rexeitamentos e dous de Hugo rematando unhas combinacións en ataque estableceron a tranquilidade entre a nervosa e desconfiada afección que acudiu ás bancadas do campo situado no lugar de O Busto. Entre medias Álvaro González anotaba o último dos tantos para o C. Xuventú Sanxenxo despois de outro regalo dos locais. Unha decisión polémica nunha cesión asubiada en contra do Armenteira C.F. polo colexiado Asensio Fariza e unha colisión de Piñeiro contra o defensor visitante Carmona, ao cruzarse este no camiño do ariete verdinegro, contribuíron a exaltar os ánimos entre os asistentes, que viron como con este triunfo os de "Tilín" volven ao noveno posto, con vintedous puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo ao Céltiga F.C., sexto clasificado con vinteséis puntos, e coa lograran unha igualada a tres goles no encontro da primeira volta.
sábado, 14 de xaneiro de 2017
O Armenteira Veteranos non logra resistir con nove xogadores
O Armenteira Veteranos non logrou facer fronte aos numerosos contratempos que se cruzaron no seu camiño no encontro que o mediu na tarde deste sábado, no campo de O Leixo, á A.C.D. Monte Xesteiras-Uzal Seguros. O conxunto que capitanea José Luis Galiñanes presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Portas, Richi e Rafa en defensa, Marcial, Martín, Cacabelos e Galiñanes na zona medular, e Jorge Castro e Manueliño en ataque. Dende o banco agardou a súa oportunidade, que chegou axiña, Carlos Muñiz. O partido parecía que se poñía de cara para os verdinegros, posto que ao dominio dos primeiro minuto se uniu o gol de Marcial. Pero un discutido penalti que o colexiado Magariños Gontad asubiou a prol dos de Cuntis, e que transformou Asier Romero, poñía a igualada no marcador coa que se iría ao descanso. No segundo período os desexos do Armenteira Veteranos de acadar o triunfo foron esfumándose a medida que xurdían máis contratempos. A saída de Martín do terreo de xogo depois dunha lesión deixou aos locais sen unha das súas principais referencias na zona de creación. Foi nun balón dividido no que o centrocampista de Vilar e un rival trataron de golpear o balón con dúas enérxicas patadas, que acabou causándolle un esguince no xeonllo, do que aínda se descoñece o alcance. Pero no minuto 70 foi cando sucedeu un feito determinante e que condicionaría o desenlace do encontro. Un lanzamento de Cacabelos tratando de pillar por sorpresa á defensa rival impactou nas costas do colexiado que, sen dar tempo a que o medio de Lois dese unha explicación, amosoulle un cartón amarelo, o que provocou as protestas dos locais, ante as que un nervoso e intransixente Magariños Gontad respostou cun segundo cartón amarelo a Cacabelos e coa expulsión directa de Galiñanes. Con dous xogadores menos o Armenteira Veteranos lanzou algún ramalazo na procura da vitoria, pero tivo que rendirse á evidencia e, nunha xogada na que os de Cuntis enlazaron varias triangulacións, Julio Garrido poñía o resultado de un tanto a dous co que se darían por finalizados os noventa minutos. O próximo sábado o conxunto de O Leixo tratará de remontar a mala racha das últimas xornadas cun triunfo ante no campo de O Revel ante o Interrías Villalonga, pechacancelas do grupo con tres puntos.
Ousmane Sene sentenza ao equipo benxamín do Armenteira C.F.
Ousmane Sene, un potente e habilidoso extremo zurdo que milita nas filas da A.C.D. Ancorad´ouro F.S. foi un auténtico pesadelo e marcou as diferenzas entre o seu equipo e o conxunto alevín do Armenteira C.F. no partido que disputaron na mañá deste sábado no campo de Chan de Piñeiro, na parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro. O cadro que dirixen Luis e Alba Barral, que contaba coa sensible baixa de Ainoha, conseguiu meter ao rival no seu campo nos primeiros minutos, impulsados pola habilidade de Brais Charlín polo costado esquerdo e polos desmarques que debuxaba Uxía na punta de ataque. Pero tras unha xogada na que os visitantes reclamaron penalti sobre Brais Charlín a A.C.D. Ancorad´ouro armou un contragolpe que finalizou nos pés de Ousmane Sene que, internándose pola banda dereita, desfíxose de varios contrarios ata colocar o coiro no fondo das mallas defendidas por unha Sara Otero que retornaba á portería dos de A Armenteira. A partires de entón, catro goles de forma case consecutiva dos marinenses deixaron sen capacidade de reacción ao conxunto verdinegro que, a pesares de reaccionar na segunda metade e tratar de entrar unha e outra vez na área rival, foi vítima da súa falta de claridade e fluidez en ataque, mentres os locais volvían aproveitar a velocidade e o desborde de Ousmane Sene para que este, batendo a Lucas Otero con dous potentes zurdazos, puxese o sete a cero co que rematarían os cincuenta minutos, con catro tantos do dianteiro de orixe africana. A próxima fin de semana a formación benxamín do Armenteira C.F. terá outra compricada cita ante a A.X. Saraiba do Mar, que ocupa o segundo posto na clasificación con dez puntos.
Golpe de autoridade do equipo alevín do Armenteira C.F. en Bueu
O equipo alevín do Armenteira C.F deu un golpe de autoridade no partido que disputou na mañá deste sábado no Campo Novo Municipal de Bueu. O rival, o C.D. Bueu, estivo dende o inicio a mercede do cadro que dirixe Luis Barral, que xa se adiantou no marcador no minuto dous grazas a unha certeira cabezada de Íñigo. O dominio do xogo e a maior contundencia no xogo, que permitía gañar en practicamente todas as situación de disputa do balón, foise traducindo en goles para os visitantes, que lograron ata once dianas na meta buenense. Íñigo, Adri, Javi e Fran, todos eles dúas ocasións, e Manu Meixús, Junior e Jose Domínguez foron os autores dos tantos do Armenteira C.F. David Budiño, por medio dun potente disparo que sorprendeu a Sergio Matilde, foi o único goleador para a C.D. Bueu. Esta vitoria, a segunda nos dous partidos desta fase da categoría alevín, a escadra verde e negra mantense na zona nobre da táboa, na cal aspira a consolidarse a próxima fin de semana tras o encontro que deberá disputar no campo de O Leixo ante o Catoira S.D.
xoves, 12 de xaneiro de 2017
O futuro en verde e negro
Apenas teñen tres e catro anos, pero estes nenos e nenas, case meniños, son a aposta máis clara de futuro do Armenteira C.F. Residentes ou con vinculación familiar directa coa parroquia, forman o equipo biberón que esta temporada puxo en marcha a entidade verdinegra. Á fronte contan cun tándem de luxo, un cadro técnico que aúna xuventude e experiencia: Jonathan Crespo e Eva López. Jonathan é un técnico que cumpre xa seis anos ligado ao clube e que nas últimas dúas campañas dirixiu con éxito o equipo alevín, e que ademais coñece de sobra esta categoría, xa que a pasada temporada se encargou dos equipos biberóns do Meaño F.C. e do Cordeiro C.F., co que acadou de maneira brillante o campionato de liga. Eva, pola súa parte, é unha moza da parroquia, criada na canteira do Armenteira C.F., sen dúbida a mellor futbolista saída da factoría de O Leixo, e que, tras pasar polas filas do Atlético Arousana, e acumular varias convocatorias coa selección galega feminina, milita agora no Umia C.F. É neste excepcional grupo de traballo onde residen as esperanzas de futuro dun clube que naceu aló por 1995 e que dende entón non fixo máis que romper barreiras para ir medrando pouco a pouco. Estes nenos e nenas constitúen a máis xoven xeración de peloteiros que nunca tivo a entidade e a eles corresponde facer que o Armenteira C.F. poida ser máis grande e poida chegar aínda máis lonxe, e lograr algún día unhas instalacións dignas e á altura dos tempos que vivimos. Han ser quen protagonice o porvir dunha institución que aspira a seguir representando e paseando con orgullo o nome de A Armenteira polos campos de fútbol de toda Galicia. Lucas, Marta, Alba, Sara, Aarón, Francis, Martín... serán os encargados de escribir o futuro en verde e negro.
domingo, 8 de xaneiro de 2017
A E.D. Arousa "B" supera con claridade a un débil equipo infantil do Armenteira C.F.
O equipo infantil do Armenteira C.F. sufriu unha clara e contundente derrota na súa visita ao campo Municipal de A Pelada, en Faxilde. Ata nove goles trouxo de terras vilagarcianas o conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín" tras un partido no que sempre estivo a mercede da E.D. Arousa S.D. "B", unha das escadras con maiores recursos do grupo e destinada a loitar polas prazas de ascenso. A falta de intensidade dos visitantes deixounos sen argumentos ante un rival que foi o dono absoluto do xogo durante os oitenta minutos. Os dous goles do dianteiro Piñeiro serviron para maquillar un resultado que é unha clara mostra do observado sobre o flamante céspede artificial de A Pelata, un dos últimos que a Deputación de Pontevedra colocou nos campos da provincia. Esta derrota, que o técnico verdinegro calificou como xusta e merecida, sitúa aos de A Armenteira no décimo posto con dezanove puntos. Na próxima xornada, a última desta primeira volta, tratarán de revertir esta situación cunha victoria en O Leixo ante o C. Xuventú Sanxenxo, décimo terceiro clasificado con trece puntos.
Segunda parte aceptable do equipo feminino do Armenteira C.F. en San Lázaro
O equipo feminino desprazouse na mañá deste domingo ata o barrio de San Lázaro, en Santiago de Compostela, para enfrontarse ao Victoria F.C. "B" un conxunto pertencente a unha das escolas de fútbol máis potentes a nivel de fútbol feminino de Galicia. Consciente da superioridade do rival, o adestrador verdinegro, Marcial Prado, plantexou un partido no que a orde, a presión e a intensidade defensiva debería os piares da estratexia a seguir. Ante as numerosas baixas o adestrador de San Salvador, que só puido contar con trece xogadoras, algunha delas aínda en proceso de recuperación, presentou un once inicial composto por Karla baixo paus, Ana Lorenzo, Fátima, Diana e Laura en defensa, Jessi, Naomi e Raquel na liña de medios e Mar, Paula e Ana Martínez en ataque. Dende os intres iniciais as santiaguesas asumiron o control do balón, baseándose nuns excelentes fundamentos tácticos e técnicos. Con todo, o Armenteira C.F. conseguiu manter a compostura ata que o desgaste físico e a calidade individual das locais comezaron a marcar diferenzas. O talento de xogadoras como Inés Villanueva ou Carla García difícilmente puido ser contrarrestado polas pupilas de Marcial Prado. Nin a acertada actuación de Karla nin a contundencia da parella de centrais formada por Fátima e Diana puideron impedir que ata oito goles se colasen no interior das súas mallas, todos eles durante o primeiro período. Tras o descanso, a maior solidez e o rigor táctico que mostraron as verdinegras fixo que sufrisen menos situacións de perigo e conseguisen manter a portería a cero nestes segundos corenta e cinco minutos. A entrada de Uxía, que habitualmente exerce de gardamallas, pero que nesta ocasión tivo que defender o flanco dereito, e o debut de Paula Martínez, unha talentosa e hábil xogadora que se incorporou á escadra de O Leixo neste mercado de inverno procedente do Atlético Pontevedra, foron dúas das notas máis chamativas do encontro. Outras das anéctodas foi a tardanza dos operarios do concello compostelán en abrir as instalacións do campo Municipal do SERGAS, que obrigou ás xogadoras e aos demais asistentes a padecer unha longa espera de case unha hora nunha mañá xeada na que o intenso frío que afectou á cidade arcebispal chegou a cubrir cun manto branco a superficie do terreo de xogo. A próxima xornada o Armenteira C.F. recibirá en O Leixo ao Touro S.D., un equipo que ocupa a oitava posición na táboa e que no partido da primeira volta exhibiu unha escasa deportividade e goleou con total desconsideración ás verdinegras.
sábado, 7 de xaneiro de 2017
O Armenteira Veteranos deixa escapar de novo dous puntos nun polémico partido
De novo os minutos finais volveron tratar con crueldade ao Armenteira Veteranos. Foi nunha tarde soleada, sobre un terreo de xogo en condicións aceptables e fronte a un rival, a S.C.D. Terras de Curro, que, pese a levar o nome dunha parroquia do concello de Barro, disputa os seus partidos no campo Municipal de Zacande e conta nas súas filas con varios xogadores naturales das terras meisinas. A tenor de como se desenvolveu o encontro poucos poderían pensar novamente que o destino se levaría consigo parte dos puntos que o Armenteira Veteranos parecía ter asegurados. Os locais tomaron a iniciativa dende o pitido inicial, e aínda que o rival daba de vez en cando algún que outro susto, as ocasións tiñan clara cor verdinegra. Nunha delas, con apenas catro minutos disputados, Jorge Castro poñía por diante aos seus. O dianteiro de Vilar volvería deixar a súa impronta na segunda metade cun novo tanto que parecía ser a sentenza definitiva. Pero un balón que, de forma traicioneira se escapou das luvas do meta Joserra, e que caiu aos pés dun dianteiro visitante e, un gol de Julio, nunha posición máis que discutida, leváronse dous puntos do campo de O Leixo ante un Armenteira Veteranos que ve como desgraciadamente esta situación se vén repitiendo con relativa frecuencia durante esta temporada. Remontadas dos rivais que acaban en empate ou derrota téñense levado unha cantidade de puntos que, de non ter sido así, colocarían aos verdinegros na zona privilexiada da táboa. E para máis a colmo a desafortunada actuación arbitral contribuiu a aumentar a desesperación dos de A Armenteira. A anulación dun gol de Galiñanes na primeira metade por un suposto fóra de xogo, o gol do empate da S.C.D. Terras de Curro, a expulsión de Moncho e a sinalización da fin do encontro no medio dunha trifulca cando aínda non se cumprira o tempo reglamentario son boa mostra da falta de acerto dun colexiado, Mouriño San Martín, que nunca mostrou convicción nin seguridade nas súas decisións. Este empate a dous goles coloca ao Armenteira Veteranos na décima posición con viteún puntos. O próximo sábado, o cadro que capitanea José Luis Galiñanes iniciará a segunda da competición recibindo á A.C.D. Monte Xesteiras-Uzal Seguros, un equipo que ocupa a undécima posición con quince puntos.
O C.D. Mosteiro tómase a revancha nun novo derbi municipal
O equipo benxamín do C.D. Mosteiro tomouse a revancha do encontro da primeira fase, na que caíra derrotado no campo de O Leixo ante o Armenteira C.F. No mesmo escenario pero en condicións ben distintas a fai apenas dous meses, o conxunto da capital do concello de Meis non desaproveitou a precariedade coa que nesta ocasión se presentou o seu rival. O cadro que adestran Luis e Alba Barral puido contar unicamente con nove efectivos, e acudiu a esta cita con baixas tan significativas como as de Sara Otero, Ainhoa, Ramón ou Marcos García. Con este panorama o reforzado equipo visitante non deu opcións ao seu mermado contricante e masacrou unha e outra dez as mallas defendidas por Uxía na primeira metade e por Lucas Otero na segunda ata lograr un contundente triunfo por dous goles a oito. Os rapaces e rapazas da formación verdinegra volverán probar sorte a próxima fin de semena na súa visita ao campo de Chan do Piñeiro, na parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro, onde se terán que enfrontar á A.C.D. Ancorad`ouro F.S., que este sábado tamén recibiu un duro correctivo ao ser derrotada por sete goles a dous pola A.D. Arousa F-7.
Inicio da segunda fase con vitoria para o equipo alevín do Armenteira C.F.
O equipo alevín conseguiu vencer na mañá deste sábado, no campo de O Leixo, por tres goles a un ao Domaio F.C. no que era o primeiro partido da segunda fase da liga da categoría alevín da modalidade de fútbol-8, no que a escadra verdinegra foi encadrada no grupo 63A. Os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral acusaron a falta de ritmo de competición provocada polo longo parón de Nadal, no que levan sen competir dende fai case un mes. As precipitacións, as imprecisións e o desacerto ante a meta contraria foron a nota dominante, especialmente durante o primeiro período. Aproveitando esta situación os visitantes conseguiron adiantarse no marcador e irse con vantaxe ao descanso. Na segunda metade o Armenteira C.F. seguiu mostrándose superior e o seu traballo acabou tendo recompensa. Manu Meixús transformando unha pena màxima cometida sobre el mesmo. Brais Santamaría resolvendo na área unha xogada colectiva e Íñigo mediante unha soberbia cabezada tras un saque de córner fixaban o tres a un co que remataban os cincuenta minutos. A próxima fin de semana a formación que comanda Luis Barral deberá desprazarse ata terras de O Morrazo para medirse ao C.D. Bueu, na que será unha das saídas máis lonxanas entre as que terá que realizar no que resta desta recén estreada competición.
A Armenteira máis solidaria
Son as datas de Nadal uns días de comidas, festas e agasallos nas que os grupos de amigos e amigas e as familias se reúnen e disfrutan de momentos que a distancia, o traballo ou os estudos non permiten noutra época do ano. Pero tamén son días de derroche e gastos desmedidos, nos que o consumismo acada a máxima expresión e, mentres tanto, hai persoas que non teñen o básico, que carecen de recursos para satisfacer unhas necesidades que afortunadamente hoxe en día a maioría da poboación ten cubertas. Por este motivo xorden iniciativas de carácter solidario que tratan de achegar a estas xentes os recursos que non posúen. A nosa parroquia tampouco quere estar á marxe deste tipo de iniciativas, e o grupo de catequistas e o párroco Don Ramón Fernández levaron a cabo dende o pasado 4 de decembro unha recollida de alimentos e roupa para repartir entre as familias máis necesitadas. A proposta foi acollida de forma moi favorable por parte dos veciños e veciñas e pouco a pouco foron facendo o seu aporte solidario na sacristía ou a carón da árbore situada no lateral esquerdo da igrexa. Como sinala Iván Borrageiros, un dos promotores da iniciativa: "A xente respondeu de maneira moi positiva. Houbo quen trouxo ata tres bolsas repletas de roupa e de alimentos. É de valorar que nestes tempos nos que predomina o materialismo e o egoísmo haxa persoas que se acordan dos que o pasan mal. Ás veces hai persoas no noso entorno que carecen de recursos cos que vestir ou alimentar os seus nenos e non nos paramos a pensar niso". Rematado o prazo de entrega, este domingo procedeuse á entrega do material recollido. Os beneficiarios foron tanto familias do Concello coma as numerosas persoas que acoden diariamente ao comedor de San Francisco e á xunta parroquial de San José de Campolongo, na cidade de Pontevedra, e que agora, grazas a este iniciativa e á intermediación da organización non gubernamental Cáritas poderán acceder a uns recursos que as inxustizas e as desigualdades da vida lles negaron.
martes, 3 de xaneiro de 2017
Cinco cifras para tentar á fortuna
Cinco son as cifras que compoñen o 14.143, o número que o Armenteira C.F. xoga no sorteo extraordinario da lotería de "El Niño" do 6 de xaneiro. O díxito, suministrado pola Administración de Loterías de Barrantes, e comezado a distribuír o 23 decembro está sorprendendo polo seu extraordinario éxito comercial. Preto de 200 décimos son os que se levan vendido dende entón dun número que dende o primeiro momento foi recibido con agrado e do que todos destacaron pola súa beleza. "Todos din que é un número bonito pero, como se soe dicir, os números bonitos son os que tocan. Agardemos que este sexa o caso", afirma Joserra Carro, un dos membros da Xunta Directiva do clube verdinegro. O escaso marxe de tempo que tiñan para vendelo fixo que nun principio a cantidade de décimos que retiraran da Administración fóra escasa. "Vímonos na obriga de ir en varias ocasións á Administración na procura de lotería. Houbo ata quen os pagaba por adiantado. Pódese dicir que o nivel de vendas desbordou as nosas previsións". O Café Bar O´Comercio foi, sen dúbida, o principal centro de distribución. Serafín Melón, o xerente do establecemento, destaca o éxito dos boletos: "Ás veces deixábanme lotería e, nese mesmo día, xa a vendía toda. Nunha ocasión, nada máis acabada de traer, veu un señor e mercou a metade dos décimos que me deixaran. Ata o presidente quixo levarse un", en referencia a Mariano Rajoy, presidente do Goberno, que aproveitou a súa estancia vacacional durante estes día polas terras de O Salnés para adquirir un destes prezados boletos. Con todo, dende a Xunta Directiva recordan que aínda dispoñen tanto de décimos coma de participacións e informan a todas aquelas persoas interesadas na súa adquisición que teñen ata última hora deste mércores para tentar á fortuna por medio destas cinco exitosas cifras.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)