Buscar neste blog

xoves, 12 de xaneiro de 2017

O futuro en verde e negro

Apenas teñen tres e catro anos, pero estes nenos e nenas, case meniños, son a aposta máis clara de futuro do Armenteira C.F. Residentes ou con vinculación familiar directa coa parroquia, forman o equipo biberón que esta temporada puxo en marcha a entidade verdinegra. Á fronte contan cun tándem de luxo, un cadro técnico que aúna xuventude e experiencia: Jonathan Crespo e Eva López. Jonathan é un técnico que cumpre xa seis anos ligado ao clube e que nas últimas dúas campañas dirixiu con éxito o equipo alevín, e que ademais coñece de sobra esta categoría, xa que a pasada temporada se encargou dos equipos biberóns do Meaño F.C. e do Cordeiro C.F., co que acadou de maneira brillante o campionato de liga. Eva, pola súa parte, é unha moza da parroquia, criada na canteira do Armenteira C.F., sen dúbida a mellor futbolista saída da factoría de O Leixo, e que, tras pasar polas filas do Atlético Arousana, e acumular varias convocatorias coa selección galega feminina, milita agora no Umia C.F. É neste excepcional grupo de traballo onde residen as esperanzas de futuro dun clube que naceu aló por 1995 e que dende entón non fixo máis que romper barreiras para ir medrando pouco a pouco. Estes nenos e nenas constitúen a máis xoven xeración de peloteiros que nunca tivo a entidade e a eles corresponde facer que o Armenteira C.F. poida ser máis grande e poida chegar aínda máis lonxe, e lograr algún día unhas instalacións dignas e á altura dos tempos que vivimos. Han ser quen protagonice o porvir dunha institución que aspira a seguir representando e paseando con orgullo o nome de A Armenteira polos campos de fútbol de toda Galicia. Lucas, Marta, Alba, Sara, Aarón, Francis, Martín... serán os encargados de escribir o futuro en verde e negro.




Ningún comentario:

Publicar un comentario