Buscar neste blog

luns, 16 de xaneiro de 2017

A Armenteira volve celebrar unha das súas festas máis tradicionais

Conta a historia que houbo un home de familia acomodada, que viviu no que é actualmente Exipto entre os séculos III e IV, que o deixou todo, a súa familia e os seus bens, para retirarse ao deserto. Foi alí onde descubriu a sabedoría e o amor por Deus en base a observar a natureza e os animais. En relación con estes últimos acabáronselle atribuíndo varias miragres. Este home non era outro que San Antonio Abad. Por este motivo é considerado o patrón dos animais, como tamén o é dos tecedores de cestos, dos fabricantes de pinceis, dos carniceiros e dos sepultureiros. Nunha parroquia como a de A Armenteira, na que os cambios na economía e nos modos de vida dos últimos tempos mudaron moitas costumes, o coidado dos animais foi e segue sendo fundamental e permite que esta celebración continúe tendo un grande arraigo. O martes 17 de xaneiro, pero tamén o mércores 18, toda a parroquia, e especialmente os lugares situados ao norte da capela que se atopa ao pé da estrada que sobe cara o mosteiro cisterciense volverán vestirse de gala para disfrutar deste tradicional festexo. Son as únicas datas do ano nas que a capela abre as súas portas aos fieis. Os actos comezarán o día 17 cunha misa solemne ás 13 horas, que irá seguida dunha procesión para dar lugar as características poxas, que serán dirixidas outro ano máis, como vén ocorrendo durante as últimas décadas, por Argimiro Torres. Este veciño do lugar de San Amedio encargarase de poxar os galos, os lacóns, os chourizos e outros produtos do campo que os fregreses ofrecen ao santo e que soe reportar uns importantes benificios para a comisión organizadora, á fronte da cal se atopa o cura párroco Don Ramón Fernández. Por razóns de forza maior o grupo de gaiteiros que viña amenizando esta celebración durante os últimos anos non poderá acudir, polo que, por primeira vez en moito tempo, os asistentes non poderán gozar dunha actuación musical. O día 18, de novo a partires das 13 horas, terá lugar un oficio relixioso. En lugares coma San Amedio, Castiñeira, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras, Gondes e As Congostras as xentes soen reunirse o 17 e o 18 de xaneiro en torno a unha mesa para conmemorar unha das principais e máis antigas festas de A Armenteira que, a pesares do paso do tempo, do descenso do número de animais nos fogares, do feito de que moitos anos coincida en días laborables e do frío e da climatoloxía adversa que caracteriza a esta época do ano continúa atraendo a devoción dos veciños e veciñas da parroquia e dos arredores.


Ningún comentario:

Publicar un comentario