Buscar neste blog

domingo, 8 de xaneiro de 2017

Segunda parte aceptable do equipo feminino do Armenteira C.F. en San Lázaro

O equipo feminino desprazouse na mañá deste domingo ata o barrio de San Lázaro, en Santiago de Compostela, para enfrontarse ao Victoria F.C. "B" un conxunto pertencente a unha das escolas de fútbol máis potentes a nivel de fútbol feminino de Galicia. Consciente da superioridade do rival, o adestrador verdinegro, Marcial Prado, plantexou un partido no que a orde, a presión e a intensidade defensiva debería os piares da estratexia a seguir. Ante as numerosas baixas o adestrador de San Salvador, que só puido contar con trece xogadoras, algunha delas aínda en proceso de recuperación, presentou un once inicial composto por Karla baixo paus, Ana Lorenzo, Fátima, Diana e Laura en defensa, Jessi, Naomi e Raquel na liña de medios e Mar, Paula e Ana Martínez en ataque. Dende os intres iniciais as santiaguesas asumiron o control do balón, baseándose nuns excelentes fundamentos tácticos e técnicos. Con todo, o Armenteira C.F. conseguiu manter a compostura ata que o desgaste físico e a calidade individual das locais comezaron a marcar diferenzas. O talento de xogadoras como Inés Villanueva ou Carla García difícilmente puido ser contrarrestado polas pupilas de Marcial Prado. Nin a acertada actuación de Karla nin a contundencia da parella de centrais formada por Fátima e Diana puideron impedir que ata oito goles se colasen no interior das súas mallas, todos eles durante o primeiro período. Tras o descanso, a maior solidez e o rigor táctico que mostraron as verdinegras fixo que sufrisen menos situacións de perigo e conseguisen manter a portería a cero nestes segundos corenta e cinco minutos. A entrada de Uxía, que habitualmente exerce de gardamallas, pero que nesta ocasión tivo que defender o flanco dereito, e o debut de Paula Martínez, unha talentosa e hábil xogadora que se incorporou á escadra de O Leixo neste mercado de inverno procedente do Atlético Pontevedra, foron dúas das notas máis chamativas do encontro. Outras das anéctodas foi a tardanza dos operarios do concello compostelán en abrir as instalacións do campo Municipal do SERGAS, que obrigou ás xogadoras e aos demais asistentes a padecer unha longa espera de case unha hora nunha mañá xeada na que o intenso frío que afectou á cidade arcebispal chegou a cubrir cun manto branco a superficie do terreo de xogo. A próxima xornada o Armenteira C.F. recibirá en O Leixo ao Touro S.D., un equipo que ocupa a oitava posición na táboa e que no partido da primeira volta exhibiu unha escasa deportividade e goleou con total desconsideración ás verdinegras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario