Buscar neste blog
sábado, 7 de xaneiro de 2017
O Armenteira Veteranos deixa escapar de novo dous puntos nun polémico partido
De novo os minutos finais volveron tratar con crueldade ao Armenteira Veteranos. Foi nunha tarde soleada, sobre un terreo de xogo en condicións aceptables e fronte a un rival, a S.C.D. Terras de Curro, que, pese a levar o nome dunha parroquia do concello de Barro, disputa os seus partidos no campo Municipal de Zacande e conta nas súas filas con varios xogadores naturales das terras meisinas. A tenor de como se desenvolveu o encontro poucos poderían pensar novamente que o destino se levaría consigo parte dos puntos que o Armenteira Veteranos parecía ter asegurados. Os locais tomaron a iniciativa dende o pitido inicial, e aínda que o rival daba de vez en cando algún que outro susto, as ocasións tiñan clara cor verdinegra. Nunha delas, con apenas catro minutos disputados, Jorge Castro poñía por diante aos seus. O dianteiro de Vilar volvería deixar a súa impronta na segunda metade cun novo tanto que parecía ser a sentenza definitiva. Pero un balón que, de forma traicioneira se escapou das luvas do meta Joserra, e que caiu aos pés dun dianteiro visitante e, un gol de Julio, nunha posición máis que discutida, leváronse dous puntos do campo de O Leixo ante un Armenteira Veteranos que ve como desgraciadamente esta situación se vén repitiendo con relativa frecuencia durante esta temporada. Remontadas dos rivais que acaban en empate ou derrota téñense levado unha cantidade de puntos que, de non ter sido así, colocarían aos verdinegros na zona privilexiada da táboa. E para máis a colmo a desafortunada actuación arbitral contribuiu a aumentar a desesperación dos de A Armenteira. A anulación dun gol de Galiñanes na primeira metade por un suposto fóra de xogo, o gol do empate da S.C.D. Terras de Curro, a expulsión de Moncho e a sinalización da fin do encontro no medio dunha trifulca cando aínda non se cumprira o tempo reglamentario son boa mostra da falta de acerto dun colexiado, Mouriño San Martín, que nunca mostrou convicción nin seguridade nas súas decisións. Este empate a dous goles coloca ao Armenteira Veteranos na décima posición con viteún puntos. O próximo sábado, o cadro que capitanea José Luis Galiñanes iniciará a segunda da competición recibindo á A.C.D. Monte Xesteiras-Uzal Seguros, un equipo que ocupa a undécima posición con quince puntos.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario