Buscar neste blog

sábado, 14 de xaneiro de 2017

O Armenteira Veteranos non logra resistir con nove xogadores

O Armenteira Veteranos non logrou facer fronte aos numerosos contratempos que se cruzaron no seu camiño no encontro que o mediu na tarde deste sábado, no campo de O Leixo, á A.C.D. Monte Xesteiras-Uzal Seguros. O conxunto que capitanea José Luis Galiñanes presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Portas, Richi e Rafa en defensa, Marcial, Martín, Cacabelos e Galiñanes na zona medular, e Jorge Castro e Manueliño en ataque. Dende o banco agardou a súa oportunidade, que chegou axiña, Carlos Muñiz. O partido parecía que se poñía de cara para os verdinegros, posto que ao dominio dos primeiro minuto se uniu o gol de Marcial. Pero un discutido penalti que o colexiado Magariños Gontad asubiou a prol dos de Cuntis, e que transformou Asier Romero, poñía a igualada no marcador coa que se iría ao descanso. No segundo período os desexos do Armenteira Veteranos de acadar o triunfo foron esfumándose a medida que xurdían máis contratempos. A saída de Martín do terreo de xogo depois dunha lesión deixou aos locais sen unha das súas principais referencias na zona de creación. Foi nun balón dividido no que o centrocampista de Vilar e un rival trataron de golpear o balón con dúas enérxicas patadas, que acabou causándolle un esguince no xeonllo, do que aínda se descoñece o alcance. Pero no minuto 70 foi cando sucedeu un feito determinante e que condicionaría o desenlace do encontro. Un lanzamento de Cacabelos tratando de pillar por sorpresa á defensa rival impactou nas costas do colexiado que, sen dar tempo a que o medio de Lois dese unha explicación, amosoulle un cartón amarelo, o que provocou as protestas dos locais, ante as que un nervoso e intransixente Magariños Gontad respostou cun segundo cartón amarelo a Cacabelos e coa expulsión directa de Galiñanes. Con dous xogadores menos o Armenteira Veteranos lanzou algún ramalazo na procura da vitoria, pero tivo que rendirse á evidencia e, nunha xogada na que os de Cuntis enlazaron varias triangulacións, Julio Garrido poñía o resultado de un tanto a dous co que se darían por finalizados os noventa minutos. O próximo sábado o conxunto de O Leixo tratará de remontar a mala racha das últimas xornadas cun triunfo ante no campo de O Revel ante o Interrías Villalonga, pechacancelas do grupo con tres puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario