Buscar neste blog

sábado, 21 de xaneiro de 2017

Dous puntos que se lle volven escapar nos últimos minutos ao equipo infantil do Armenteira C.F.

O equipo alevín volveu a sufrir a crueldade dos últimos minutos, á que desafortunadamente xa se está acostumando esta temporada. O cadro que dirixe Valentín Estévez "Tilín" realizou un partido serio e merecedor dun resultado máis favorable, pero os despistes defensivos e a falta de claridade e puntería nos metros finais impedíronlle poñer a xustiza no marcador. O técnico cambadés presentou un once inicial con Sergio en portería, Xoán, Santi, Sebas e Jose Otero en defensa, Andrés Liu, Carlos Pérez, Álex Ruel e Mosteiro na liña medular, Hugo na mediapunta e Piñeiro como xogador máis adiantado. Dende o pitido inicial o Armenteira C.F. asumiu o control do xogo, pero o equilibrio entre ámbalas dúas escadras fixo que non houbese ocasións de claridade. Na segunda metade mantívose a tónica da primeira, pero Carlos Pérez, cunha preciosa volea dende a fronta da área poñía en vantaxe aos locais. Cando o partido parecía estar controlado, unha xogada na que os verdinegros reclamaron man, acabou cunha pelota colgada ao centro da área que pillou aos centrais despistados, sen que a intervención do lateral Jose Otero puidese cortalo, e Borja González elevaba o coiro porriba do meta Sergio para introducilo no fondo das mallas. No minuto setenta chegaría o detalle da mañá. Foi unha espectacular xogada de Álex Ruel, que foi sorteando a todo rival que saía ao seu paso ata prantarse diante do gardamallas Javier Santiago e batela coa frialdade dun xogador da categoría do centrocampista meañés. Cando parecía que os tres puntos se ían quedar en O Leixo, a falta dun minutos para cumprir o tempo regulamentario, un discutido penalti sinalado polo colexiado Casalderrey Soria e materializado por Borja González fixaba no marcador o resultado de empate a dous co que se daban por finalizados os oitenta minutos. Aínda houbo tempo para que Piñeiro se quedase só ante o meta dos de A Arousa pero novamente o desacerto e a falta de puntería non estiveron do lado do dianteiro de Vilariño. Con esta igualada a escadra verde e negra sitúase de forma provisional na oitava posición con vintetrés puntos. A próxima xornada o equipo infantil vivirá un duelo de rivalidade no encontro que o medirá no campo de A Bouza ao Umia C.F., un dos conxuntos con maior potencial e chamados a loitar polos postos de privilexio.


Ningún comentario:

Publicar un comentario