Buscar neste blog

sábado, 21 de xaneiro de 2017

Un minuto de fútbol en O Revel

Un minuto, ese foi o tempo que se xogou do partido da Segunda Galicia de Veteranos entre o Interrías Villalonga e o Armenteira Veteranos. O cadro local, esponsorizado pola renomeada empresa da capital turísitica das Rías Baixas, moi mermado en canto a efectivos no que levamos de temporada, observou con desesperación como esta semana a gripe que tan vorazmente está atacando este inverno contaxiaba a varios dos seus xogadores. Por este motivo, e ante a imposibilidade de aprazamento, os locais presentáronse en O Revel unicamente con oito homes. Os de O Leixo, pola súa banda, acudían coa intención de lograr unha vitoria que os axudase a esquecer os resultados desfavorables dos últimos partidos. Cando o árbitro deu o pitido inicial, sen dar tempo a que os futbolistas verdinegros conducisen o balón cara o campo contrario, os oito compoñentes do conxunto branquivermello que compareceron no terreo de xogo emprenderon unha marcha cara os vestiarios que axiña se viu acompañada polo son do silbato do colexiado indicando a finalización do encontro. Corresponderá agora ás autoridades federativas dictaminar o resultado definitivo. Con todo, non foi unha tarde perdida para os xogadores do Armenteira C.F., posto que, unha vez descartada a disputa dunha pachanga, algúns deles aproveitaron para disfrutar diante da pequena pantalla do partido que xogaban a esa hora o Real Madrid e o Málaga mentres outros se desprazaban ata un dos campos da comarca nos que xogaban outros equipos do grupo, como foi o caso do interesante duelo de rivalidade que mediu no campo de O Pombal ao Soho Cambados e ao Umia C.F.-Boa Vila e que rematou cun triunfo por tres tantos a un para os locais.



Ningún comentario:

Publicar un comentario