Buscar neste blog

sábado, 21 de xaneiro de 2017

Tres vitorias en tres partidos disputados para o equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu na mañá deste sábado, no campo de O Leixo, unha nova vitoria na Segunda fase da categoría na modalidade de fútbol-8. Os rapaces e rapazas que adestran Luis e Alba Barral saíron ao terreo de xogo moi motivados, tratando de non dar ningunha concesión a un rival, o Catoira S.D., que apenas se puido achegar ás inmediacións da meta defendida por Sergio Matilde. Un excepcional Junior abriría o marcador para o cadro de O Leixo, e despois virían os tantos de Manu Meixús en dúas ocasión, Brais Santamaría, Adri e Javi. O tanto dos visitantes foi anotado por Hugo de Jesús, ao sacar proveito dun balón que se escapou das luvas do meta da formación verdinegra. Este resultado de seis goles a un deixa ao Armenteira C.F. coma líder momentáneo do grupo, aínda que restan varios partidos deste xornada por celebrarse. A contundencia defensiva, anticipación, o ritmo de xogo, a velocidade e o desborde por bandas e a pegada en ataque que vén exhibindo o conxunto que dirixe Luis Barral colócao coma un dos grandes favoritos a acadar o título de campión de liga. Pero, para elo deberán superar a próxima fin de semana á esixente escadra do C. Xuventú de Sanxenxo no campo de Baltar de Arriba.


Ningún comentario:

Publicar un comentario