Buscar neste blog

sábado, 28 de xaneiro de 2017

O equipo infantil do Armenteira C.F. mantén o tipo en Barrantes

O equipo infantil do Armenteira C.F. deu unha imaxe aceptable e mantivo o tipo na súa visita ao campo de A Bouza, en Barrantes, para enfrontarse a un dos conxuntos con maiores aspiracións da categoría, o histórico Umia C.F. Os rapaces e rapazas que adestra o cambadés Valentín Estévez "Tilín" afrontaban o encontro coa condición de vítimas e, pese a todo, deixaron un bo sabor de boca ante a numerosa afección que se congregou nas bancadas para presenciar este duelo de rivalidade entre dous equipos que representan a dúas localidades tan próximas e con tantos vínculos en común. No cadro de Barrantes militan varios xogadores que residen ou con orixes familiares en A Armenteira, e que nalgún dos casos iniciaron a súa carreira deportiva en O Leixo, o que contribuía a dar aínda máis alicientes ao partido. O técnico verdinegro, que contaba con baixas tan relevantes como as de Santi, Kevin ou Carlos, presentou un once inicial con Sergio baixo paus, Xoán, Sebas, Álex Ruel e Andrei en defensa, o retornado Migui, Mosteiro, Jose Otero e Andrés Liu na liña medular, Hugo na mediapunta e Piñeiro en ataque. Dende o primeiro minuto o Umia C.F., facendo gala da súa condición de local, asumiu a posesión do balón, pero non era quen de poñer en apretos á portería defendida por Sergio. Os verdinegros, liderados por un Álex Ruel colosal en defensa, buscaban unha e outra vez con balóns longos a Piñeiro, pero non foi a tarde do potente dianteiro de Vilariño, que de novo tipo que facer fronte aos agarróns dos defensas e á hostilidade do público rival, que non parece comprender a intensidade coa que disputa os balóns, e que xulga de maneira inxusta e desmesurada as súas accións. Un zapatazo de Lucas García, que se colou pola escadra dos de A Armenteira, poñía a primeira pedra dunha vitoria que se cimentaría para o Umia C.F. cos tantos que logo acadarían Tomás Castro e David Rodríguez, o futbolista máis talentoso dos vermellos. A saída dende o banquillo de Anabel, Jeffrey, o alevín Íñigo, Enilson e Perla non conseguiron mudar o rumbo dun partido que finalizaría con este tres a cero. Unha das notas máis positivas para a formación verdinegra foi a pletórica actuación de Álex Ruel no centro da defensa. O futbolista de Meaño, sen dúbida o mellor de todos os que compareceron sobre o céspede artificial de A Bouza, mostrou unha enorme solidez e exhibiu un gran repertorio de recursos no corte e na saída de balón, que demostran unha vez máis que é un dos principais baluartes da entidade verde e negra. Na próxima xornada o equipo infantil do Armenteira C.F. recibirá a visita da C.D. Portas, nunha cita na que tratarán de vingar a dolorosa derrota do partido da primeira volta.


Ningún comentario:

Publicar un comentario