Buscar neste blog

domingo, 22 de xaneiro de 2017

O equipo feminino do Armenteira C.F. cae derrotado baixo o intenso frío de Santiso

O equipo feminino do Armenteira C.F. caiu derrotado no partido fue disputou na mañá deste domingo no campo Municipal de Santiso. Tras unha longa e azarosa viaxe ata as terras de Melide, na que non faltou algunha anécdota curiosa, as rapazas que adestra Marcial Prado tiveron que afrontar de novo un encontro moi mermadas polas numerosas baixas que levan soportando ao longo desta temporada. A elo houbo que engadir o frío, que nesta comarca nas ribeiras do Ulla era especialmente intenso. O técnico de San Salvador, que puido contar con só doce xogadoras, tivo que facer fronte a todas estas adversidades e presentou un once inicial na que a nota máis chamativa era a presenza de Ángeles na portería. A xogadora de San Amedio, a única de A Armenteira que está participando regularmente no equipo, que, a pesares de ter unha longa experiencia no fútbol feminino, militando anteriormente en entidades coma a S.D. Pontearnelas, viuse obrigada, por mor das baixas de Uxía e Karla, a facer o seu debut nesta posición tan específica. De familia de fonda tradición de gardamallas, cabe recordar que o seu pai, un dos futbolistas máis senlleiros que deu a parroquia, defendeu durante anos as porterías de clubes como o Umia C.F. e o C.D. Ribadumia, e que o seu curmán Joserra é o actual cancerbeiro do Armenteira Veteranos, Ángeles tirou de bravura e colocouse as luvas para tratar de parar ás dianteiras da U.D. Santiso F.C. Formou nun equipo titular no que tamén figuraron Ana Lorenzo, Alessandra, Diana e Fátima en defensa, Ana Martínez, Naomi e Raquel no mediocampo e Jessica, Paula e Mar en ataque. Dende os primeiros intres a U.D. Santiso tomou o control do xogo ante un cadro verdinegro que apenas era quen de saír do seu campo. A falta de intensidade defensiva e os desaxustes no corte, unido ás precipitacións coas que se desprendían do coiro cada vez que caía nos seus pés marcaron o frouxo partido que realizaron as futbolistas da entidade de O Leixo. Pouco puido facer Ángeles ante as numerosas aproximacións á súa área das locais, e ata nove goles remataron no fondo da súa portería. O solitario gol do Armenteira C.F. foi anotado curiosamente tamén polas de Santiso, nun pase que pillou despistada á meta Carla Martínez. Outra nota destacada do encontro foi o estreno na segunda metade coa camisola verdinegra de Ana Abal, unha xogadora que tamén conta con pasado familiar na entidade, posto que o seu tío exerceu de adestrador do equipo sénior fai varias campañas. Estas mozas terán agora tres semanas para repoñer forzas e recuperarse dos problemas físicos, xa que ata o 12 de febreiro non terán partido de liga, que será no duelo de rivalidade que as medirá ao C. Xuventude Cambados no campo de O Pombal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario