O equipo infantil do Armenteira C.F. retomou este domingo á senda da vitoria tras vencer no campo de O Leixo ao C. Xuventú Sanxenxo por seis goles a tres. As numerosas baixas que sufriu o conxunto durante os adestramentos da semana obrigaron ao adestrador local, Valentín Estévez "Tilín" a botar man dalgún xogador do equipo de categoría alevín. E de novo foron Íñigo e Adri os que tiveron a oportunidade de participar cos seus compañeiros de clube. O once inicial que presentou o cadro técnico local estivo composto por Santi na portería, Adri, Sebas, Xoán e Andrei na zaga, Andrés Liu, Álex Ruel, Jose Otero e Mosteiro no mediocampo, Hugo na media punta e Piñeiro como home máis adiantado. Xa no minuto un Piñeiro puxo por diante aos verdinegros. Foi nun balón en profundidade no que a forza e a potencia do atacante de Vilariño son letais. Pero o que parecía que ía ser unha vitoria cómoda e sen moitos sobresaltos comezou a compricarse, cando, tras perdoar en varias oportunidades, Álvaro González acadaba a igualada con remate de cabeza a un saque de córner. A reacción dos de A Armenteira non se fixo agardar e Mosteiro culminaba unha xogada pola banda esquerda no fondo das mallas defendidas por Nicolás Freijeiro. Na segunda metade os locais saíron desorientados e con certa relaxación. Unha xogada desafortunada na que Santi recibiu nos seus pés un balón deu lugar a un deficiente despexe que foi a dar aos dianteiros do clube amarelo, que novamente colocaban o empate no marcador. Pero un golazo pola escadra de Mosteiro, outro de Jose Otero tras varios rexeitamentos e dous de Hugo rematando unhas combinacións en ataque estableceron a tranquilidade entre a nervosa e desconfiada afección que acudiu ás bancadas do campo situado no lugar de O Busto. Entre medias Álvaro González anotaba o último dos tantos para o C. Xuventú Sanxenxo despois de outro regalo dos locais. Unha decisión polémica nunha cesión asubiada en contra do Armenteira C.F. polo colexiado Asensio Fariza e unha colisión de Piñeiro contra o defensor visitante Carmona, ao cruzarse este no camiño do ariete verdinegro, contribuíron a exaltar os ánimos entre os asistentes, que viron como con este triunfo os de "Tilín" volven ao noveno posto, con vintedous puntos, á espera de recibir a próxima fin de semana no campo de O Leixo ao Céltiga F.C., sexto clasificado con vinteséis puntos, e coa lograran unha igualada a tres goles no encontro da primeira volta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario