O Armenteira Veteranos viviu na tarde deste sábado uns deses partidos que é mellor esquecer. Foi unha das actuacións máis pobres das que se lembran do equipo verde e negro á que se sumou a escasa fortuna en determinadas accións, que resultaron ser decisivas para o desenlace do encontro. Sobre o embarrado terreo de xogo de O Leixo o Armenteira Veteranos presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Marcos, Portas e Óscar na liña defensiva, Marcial, Cacabelos, Rafa e Pellejo no mediocampo, e Alfonso e Manueliño na dianteira. Os pelotazos e as imprecisións foron a nota dominante dende os primeiros minutos. O equipo visitante, Os Raposos, sen estar especialmente lúcido, soubo sacar proveito desta situación e grazas á velocidade e a efectividade dos seus atacantes, principalmente de Martín Viñas, autor de tres tantos. Foi precisamente este futbolista o que poría por diante ao cadro de Noalla tras unha perda de balón dos locais no mediocampo que veu seguida dunha serie de erros encadenados en defensa. Unha xogada combinativa do Armenteira Veteranos cuminada cunha cabezada de Manueliño, igualaba o marcador e parecía ser o inicio da remontada. Pero non foi así, e, de novo Martín Viñas, nunha acción similar á do seu primeiro gol, empalmaba un remate a reviravolta ante o que nada puido facer o meta Joserra. Tras o descanso, a reacción que pretendían os locais atopouse non só coa súa falta de inspiración senón cunha falta de fortuna que fixo que encaixasen algúns goles de auténtico chiste. Foi o que ocurriu no terceiro tanto de Os Raposos, cando Joserra saiu a despexar un balón cos pés, con tan mala sorte que golpeou no central Carlos e acabou deixando só ante as mallas a un Héctor Lorenzo que non perdoou. Máis desafortunado foi o cuarto tanto dos visitantes. Despois dun saque de córner un despexe de Marcos colouse lentamente entre o pau dereito e o gardamallas verdinegro. E o quinto gol tampouco puido escapar do infortunio. Un balón roubado por Martín Viñas das botas do xogador en posición máis atrasada do Armenteira Veteranos finalizou cun novo gol do dianteiro dos de Noalla. Un remate de Alfonso de cabeza e un disparo tras unha xogada individual de Manueliño, ámbolos dous nos últimos suspiros do encontro, resultaron insuficientes para que os de O Leixo arrincasen polo menos un punto. Esta derrota por tres goles a cinco fai que avescadra verde e negra baixe ata a décima posición, con vintecatro puntos, situación de tratará de mellorar na difícil cita do próximo sábado no campo de O Pombal ante o Soho Cambados, líder destacado do grupo con corenta e cinco puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario