Buscar neste blog

martes, 3 de xaneiro de 2017

Cinco cifras para tentar á fortuna

Cinco son as cifras que compoñen o 14.143, o número que o Armenteira C.F. xoga no sorteo extraordinario da lotería de "El Niño" do 6 de xaneiro. O díxito, suministrado pola Administración de Loterías de Barrantes, e comezado a distribuír o 23 decembro está sorprendendo polo seu extraordinario éxito comercial. Preto de 200 décimos son os que se levan vendido dende entón dun número que dende o primeiro momento foi recibido con agrado e do que todos destacaron pola súa beleza. "Todos din que é un número bonito pero, como se soe dicir, os números bonitos son os que tocan. Agardemos que este sexa o caso", afirma Joserra Carro, un dos membros da Xunta Directiva do clube verdinegro. O escaso marxe de tempo que tiñan para vendelo fixo que nun principio a cantidade de décimos que retiraran da Administración fóra escasa. "Vímonos na obriga de ir en varias ocasións á Administración na procura de lotería. Houbo ata quen os pagaba por adiantado. Pódese dicir que o nivel de vendas desbordou as nosas previsións". O Café Bar O´Comercio foi, sen dúbida, o principal centro de distribución. Serafín Melón, o xerente do establecemento, destaca o éxito dos boletos: "Ás veces deixábanme lotería e, nese mesmo día, xa a vendía toda. Nunha ocasión, nada máis acabada de traer, veu un señor e mercou a metade dos décimos que me deixaran. Ata o presidente quixo levarse un", en referencia a Mariano Rajoy, presidente do Goberno, que aproveitou a súa estancia vacacional durante estes día polas terras de O Salnés para adquirir un destes prezados boletos. Con todo, dende a Xunta Directiva recordan que aínda dispoñen tanto de décimos coma de participacións e informan a todas aquelas persoas interesadas na súa adquisición que teñen ata última hora deste mércores para tentar á fortuna por medio destas cinco exitosas cifras.





Ningún comentario:

Publicar un comentario