O equipo infantil do Armenteira C.F. sufriu unha clara e contundente derrota na súa visita ao campo Municipal de A Pelada, en Faxilde. Ata nove goles trouxo de terras vilagarcianas o conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín" tras un partido no que sempre estivo a mercede da E.D. Arousa S.D. "B", unha das escadras con maiores recursos do grupo e destinada a loitar polas prazas de ascenso. A falta de intensidade dos visitantes deixounos sen argumentos ante un rival que foi o dono absoluto do xogo durante os oitenta minutos. Os dous goles do dianteiro Piñeiro serviron para maquillar un resultado que é unha clara mostra do observado sobre o flamante céspede artificial de A Pelata, un dos últimos que a Deputación de Pontevedra colocou nos campos da provincia. Esta derrota, que o técnico verdinegro calificou como xusta e merecida, sitúa aos de A Armenteira no décimo posto con dezanove puntos. Na próxima xornada, a última desta primeira volta, tratarán de revertir esta situación cunha victoria en O Leixo ante o C. Xuventú Sanxenxo, décimo terceiro clasificado con trece puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario