Buscar neste blog

sábado, 7 de xaneiro de 2017

Inicio da segunda fase con vitoria para o equipo alevín do Armenteira C.F.

O equipo alevín conseguiu vencer na mañá deste sábado, no campo de O Leixo, por tres goles a un ao Domaio F.C. no que era o primeiro partido da segunda fase da liga da categoría alevín da modalidade de fútbol-8, no que a escadra verdinegra foi encadrada no grupo 63A. Os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral acusaron a falta de ritmo de competición provocada polo longo parón de Nadal, no que levan sen competir dende fai case un mes. As precipitacións, as imprecisións e o desacerto ante a meta contraria foron a nota dominante, especialmente durante o primeiro período. Aproveitando esta situación os visitantes conseguiron adiantarse no marcador e irse con vantaxe ao descanso. Na segunda metade o Armenteira C.F. seguiu mostrándose superior e o seu traballo acabou tendo recompensa. Manu Meixús transformando unha pena màxima cometida sobre el mesmo. Brais Santamaría resolvendo na área unha xogada colectiva e Íñigo mediante unha soberbia cabezada tras un saque de córner fixaban o tres a un co que remataban os cincuenta minutos. A próxima fin de semana a formación que comanda Luis Barral deberá desprazarse ata terras de O Morrazo para medirse ao C.D. Bueu, na que será unha das saídas máis lonxanas entre as que terá que realizar no que resta desta recén estreada competición.


Ningún comentario:

Publicar un comentario