Buscar neste blog

luns, 23 de xaneiro de 2017

Armenteira con bo pé

É A Armenteira un lugar no que o hábito de camiñar se mantén xeración tras xeración. Se fai anos as xentes camiñaban por necesidade, e calzaban os seus zocos para percorrer as distancias, longas como semelleban ser todas naquela época, que as separaban da consulta médica, da feira de O Mosteiro ou dos mercados da contorna aos que ían a vender as peras, as cereixas e todas as demais froitas que producían en cantidade e que permitían obter uns modestos beneficios cos que sustentar as maltreitas economías familiares. Hoxe en día, as xentes seguen saíndo a andar, pero xa non é por necesidade ou por non dispoñer de vehículo a motor. Polas estradas e corredoiras da parroquia e, en especial pola Ruta da Auga e da Pedra, tropas e tropas de camiñantes deixan a súa pegada neste afamado itinerario turístico. A pegada é, pois, un elemento básico para todos eles. Na actualidade avanzaron moito os estudos relacionados con ela. Estes estudos permiten revisar a pegada e a marcha ao andar para previr posibles lesións, e é algo moi recomendable para determinadas idades, especialmente para os nenos e nenas que practican deporte. Neste senso, este martes, a partires das 19:30 horas no campo de O Leixo, o Armenteira C.F., en estreita colaboración coa Clínica Dental Mosteiro, organizou unha charla sobre este tema da que se encargará o podólogo especializado en podoloxía deportiva Isidoro Buceta. Este profesional explicará aos presentes os aspectos máis salientables dunha disciplina que ten como obxectivo o estudo, diagnóstico e tratamento das enfermidades e alteracións que afectan aos pés, e que está experimentando un notable avance nos últimos anos. O terapeuta arousán que tamén atende en Clínica Dental Mosteiro, tratará de transmitir aos pais, nais, xogadores, xogadoras e aos afeccionados que acudan ata o campo do lugar de O Busto, a importancia do coidado do pé nuns tempos, nunha parroquia e para un clube para os que andar segue sendo algo que se fai firmemente cos pés na terra e coa vista posta no ceo.




Ningún comentario:

Publicar un comentario