O Armenteira C.F. caiu derrotado por cero goles a nove no partido que disputou na tarde deste domingo ante o Touro S.D. As visitantes, que actuaron sen clemencia algunha no encontro da primeira volta, buscaron outra goleada que maquillase a súa regular traxectoria na liga e que ademais axudase a encumbrar á súa xogadora estrela Laura Mosquera, que aspira a estar entre as máximas goleadoras do grupo. O corpo técnico que dirixe Marcial Prado presentou un once inicial con Uxía de gardamallas. Karla, Alessandra, Fátima e Ana Lorenzo en defensa, Diana como mediocentro defensiva, Ana Martínez e Raquel de volantes, Jessi e Paula nos extremos e Mar na punta de ataque. Con relativa orde táctica e presionando a posesión do balón do Touro S.D. as locais mostraron dende os primeiros intres que a diferenza que existía no encontro da primeira volta entre ámbalas dúas escadras non era agora tanta. Pero un centro que cruzou o centro da zaga verdinegra foi rematado por Vanessa Rey no segundo pau para adiantar ás súas no marcador. A partires de entón, aínda que ás féminas do Armenteira C.F. mantiveron relativamente a compostura, as visitantes afanánaronse na súa misión goleadora nunha situación tan favorable coma a esta xornada. O gran gol de Laura Mosquera tras driblar a varias contrarias foi unha das máis destacadas notas de calidade que deixou talentosa futbolista do clube da comarca da Compostela. As locais tiveron os seus principais argumentos ofensivas nas incursións por banda de Paula e nas arrancadas en velocidade dunha Mar que tampouco tivo nesta ocasión a fortuna de dar coas mallas rivais. O próximo domingo as esforzadas guerreiras verdinegras terán un dos seus desprazamentos máis lonxanos, que será ata o concello de Melide, onde se medirán á U.D. Santiso F.C,, que ocupa a oitava praza con dezaoito puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario