Buscar neste blog

sábado, 7 de xaneiro de 2017

A Armenteira máis solidaria

Son as datas de Nadal uns días de comidas, festas e agasallos nas que os grupos de amigos e amigas e as familias se reúnen e disfrutan de momentos que a distancia, o traballo ou os estudos non permiten noutra época do ano. Pero tamén son días de derroche e gastos desmedidos, nos que o consumismo acada a máxima expresión e, mentres tanto, hai persoas que non teñen o básico, que carecen de recursos para satisfacer unhas necesidades que afortunadamente hoxe en día a maioría da poboación ten cubertas. Por este motivo xorden iniciativas de carácter solidario que tratan de achegar a estas xentes os recursos que non posúen. A nosa parroquia tampouco quere estar á marxe deste tipo de iniciativas, e o grupo de catequistas e o párroco Don Ramón Fernández levaron a cabo dende o pasado 4 de decembro unha recollida de alimentos e roupa para repartir entre as familias máis necesitadas. A proposta foi acollida de forma moi favorable por parte dos veciños e veciñas e pouco a pouco foron facendo o seu aporte solidario na sacristía ou a carón da árbore situada no lateral esquerdo da igrexa. Como sinala Iván Borrageiros, un dos promotores da iniciativa: "A xente respondeu de maneira moi positiva. Houbo quen trouxo ata tres bolsas repletas de roupa e de alimentos. É de valorar que nestes tempos nos que predomina o materialismo e o egoísmo haxa persoas que se acordan dos que o pasan mal. Ás veces hai persoas no noso entorno que carecen de recursos cos que vestir ou alimentar os seus nenos e non nos paramos a pensar niso". Rematado o prazo de entrega, este domingo procedeuse á entrega do material recollido. Os beneficiarios foron tanto familias do Concello coma as numerosas persoas que acoden diariamente ao comedor de San Francisco e á xunta parroquial de San José de Campolongo, na cidade de Pontevedra, e que agora, grazas a este iniciativa e á intermediación da organización non gubernamental Cáritas poderán acceder a uns recursos que as inxustizas e as desigualdades da vida lles negaron.






Ningún comentario:

Publicar un comentario